Aprobado o orzamento municipal para o ano 2017 que por primeira vez supera os 7 millóns de euros

O executivo local de Silleda levou a pleno o pasado día 20 de febreiro  o orzamento municipal para este ano, que saíu adiante cos votos a favor do goberno, a abstención do BNG e os votos en contra do PP-

O montante global das contas sitúase en 7.1.02.501 euros, unha cifra que supón un incremento de case 140.000 euros respecto ao ano anterior. “Unha vez máis volvemos a presentar un documento impensable hai algúns anos, no que se reflexa tanto o aforro conseguido nos últimos exercicios coma o aumento da capacidade inversora do Concello de Silleda”, indica Manuel Cuiña.

O capítulo de inversións reais segue aumentando progresivamente situándose xa en 1.465.993,96 euros, case 50.000 euros máis que no ano 2016. A partida máis destacada é a correspondente ao Plan de Obras e Servizos (POS), da Deputación de Pontevedra polo que a Silleda lle corresponden 741.293 euros. A través deste programa acometeranse actuacións coma a renovación do terreo de xogo no campo de fútbol de Outeiriño, en Silleda (220.000 euros); a dotación de iluminación no Parque Municipal das Pedrosas (200.000 euros); varias obras de mellora no entorno do Centro Social e campo da festa de Escuadro (80.000 euros); ou a reparación de distintos viais municipais, para o que se inclúe unha partida de 141.293 euros.

Do mesmo xeito a mellora de infraestruturas viarias no rural verase completada con outra asignación de 146.823 euros para arranxar distintos camiños veciñais. “Seguiremos apostando pola conservación das nosas infraestruturas no rural, coa inversión de máis de 500.000 euros  ademais de acometer novas actuacións”, indica o alcalde.

Tamén en relación a mellora de servizos, o Concello de Silleda ten previsto adquirir ao longo deste exercicio nova maquinaria, en concreto unha máquina barredora (65.000 euros) e un tractor (50.000 euros).

Aforro enerxético, acceso á Fervenza e novas rutas de sendeirismo

Por outra banda, no capítulo de investimentos reais reservase outra partida de 115.000 euros para acometer distintos proxectos de aforro enerxético, “unha aposta que iniciamos na anterior lexislatura e que está a dar grandes resultados coa instalación de equipos que permiten ás arcas municipais aforrar no consumo de enerxía”, engade o rexedor.

Tamén no listado de investimentos figura unha partida de 95.000 euros para o Parque Empresarial Área 33, así como outra de 60.000 euros para continuar mellorando os accesos á Fervenza do Toxa, coa dotación, entre outros dunha zona de aparcamento. No ámbito da promoción turística tamén está previsto crear novas rutas de sendeirismo (para o que se reservan outros 6.000 euros).

Continuamos mellorando infraestruturas, servizos para os cidadáns e realizando actuacións necesarias", indica o alcalde silledense lembrando tamén outras actuacións que pese a non figurar neste orzamento están xa en marcha.

"Ás actuacións que se recollen neste documento súmanse inversións clave coma a da  residencia e centro de día, que comezará a construirse esta primavera ou a remodelación integral do campo de fútbol da Bandeira, que se licitará en breve e no que se investirán outros 880.000 euros con fondos provinciais", engade.

Fondo de continxencias e aumento das subvencións

Os orzamentos municipales de Silleda volven contemplar o chamado fondo de continxencias, de novo dotado con 80.000 euros, para financiar actividades que poidan xurdir durante o exercicio ou para cubrir desfases ornamentarías.

"Que un Concello coma Silleda que ata hai pouco o tempo estaba nunha delicada situación económica conte con este fondo é de novo un indicativo de que a xestión das contas se está a facer ben", resalta Cuiña.

Froito desta melloría é tamén o aumento nas subvencións a asociacións e colectivos para a celebración de actividades culturales e deportivas. Así, no caso das culturais a cantidade pasa de 50.400 a 76.000 euros e as deportivas de 30.000 a 35.000 euros. No caso das culturais, da partida de 76.000 euros, 7.000 serán destinados ás asociacións veciñais para desenvolver as súas actividades. Esta nova liña reflexarase nas bases de subvencións que se aprobarán nas vindeiras semanas.

"Sempre mantivemos que era necesario aumentar as axudas aos moitos colectivos e entidades que celebran actividades no noso municipio, e ese apoio tradúcese nun novo incremento para 2017", explica o alcalde, destacando tamén que o orzamento para actividades culturais pasa de 90.000 a 120.000 euros.

No tocante ás axudas destaca tamén o aumento ao 100% na partida destinada ás axudas ao transporte universitario e a compra de libros e material escolar, que pasa de 10.000 a 20.000 euros.

O Plan Municipal de Axuda á Creación de Emprego, que dende 2015 vén subvencionando a posta en marcha de novos proxectos empresariais, contará cunha partida de 15.000 euros.

 

Capítulo de Ingresos

No tocante aos ingresos, volve aplicarse a filosofía da prudencia e o rigor económico en base a liquidacións anteriores. En impostos directos (IBI, IVTM, IAE e BICES) está previsto recaudar 1.758.701 euros, uns 29.000 euros que a previsión realizada en 2016. Para o ano 2017 manténse a rebaixa do tipo imositivo do  IBI feita en 2017 polo goberno municipal, que baixou do 0,60 ao 0,53 , “logo  da suba obrigada polo Plan de Axuste do que cada día estamos máis cerca de salir", engade o alcalde

Por impostos indirectos (ICIO) prevese un incremento de 25.000 euros (a partida pasa de 60.000 a 85.000 euros) polos datos optimistas que parecen confirmar unha mellora xeralizada da economía.

"Agardamos que o PXOM, a clave do futuro de Silleda, sexa aprobado pola Xunta canto antes, para revitalizar a economía local nun municipio onde hai moitos veciños pendentes do planeamiento para poder construir a súa vivenda", engade o alcalde.

En canto ás taxas e outros ingresos o capítulo aumenta en 144.000 euros. Mantéñense as previsión de recadación do servido de abastecimiento de auga -municipalizado dende o 1 de xaneiro- e aumentan lixeiramente as previsións de recadación pola entrada a Carboeiro -co incremento do 0,50 euros no prezo público da entrada-ou outras coma as taxas da Escola de Música. Créase así mesmo unha partida polo servizo de tratamento de residuos da construcción, con 270.117, 94 euros, cantidade que se corresponde á debeda que Explotación Mineira de Campomarzo ten co Concello de Silleda.

No tocante ao capítulo 4, de Transferencias Correntes (ingresos doutras Administracións) as previsións de recadación sitúanse se en 2.480.806,03 euros, case 285.000 euros menos que o pasado ano. Este descenso explícase básicamente por non contemplarse xa a doazón de 200.000 euros dun empresario local para a residencia de maiores (ao optarse finalmente pola concesión de animal) e pola baixada na Participación de Tributos do Estado (PIE), que se reduce en 64.000 euros, entre outros.

As Transferencias de Capital (axudas para inversións por parte de Administracións superiores) recollen as aportacións previstas do Fondo de Compensación Ambiental, proxectos cofinanciados do INEGA, o Plan Marco ou o POS da Deputación, que pasa de 630.000 a 741.000 euros neste exercicio.

Capítulo de Gastos

No apartado de gastos, o capítulo 1 de Persoal sitúase en 2.004.747 euros, o que supón o 28,23% do montante total das contas municipais, "unha porcentaxe que tamén é significativa da mellora na economía municipal", sinala Manuel Cuiña.

Os gastos correntes e de servizos sitúanse na liña do ano anterior, con 3.003.072 euros, uns 18.000 euros máis que en 2016. Neste apartado sitúanse gastos coma a recollida de lixo -que vén de ser adxudicada- ou os gastos necesarios para asumir a municipalización do servizos de abastecimento de aguas. Tamén figuran partidas coma os gastos de electricidade , Servizo de Axuda no Fogar, combustibles, mantemento de todos os centros municipais…Tamén destaca o mantemento de camiños municipais cunha partida estimada de 200.000 euros.

 

Indeza, a única sentenza pendente

O pago de sentenzas para 2017 sitúase en 315.000 euros. A maioría desta cantidade (309.642 euros) correspondese a sentenza da débeda coa  empresa Indeza, dos anos 90,  "a única rémora que temos a día de hoxe no Concello de Silleda no tocante a débedas logo de abonar nos últimos anos un rosario de vergoñentas sentenzas condenatorias que fomos herdando", sinala Manuel Cuiña, que lembra que neste caso "como tristemente noutros varios houbo que abonar máis por intereses que pola cantidade principal adebedada”.

En canto á débeda viva, cos préstamos bancarios a longo prazo, sitúase en 2.308.586 euros a principios deste ano, básicamente  polos créditos solicitados no ano 2005 por anteriores gobernos do PP.

 

Dos números roxos a máis de 1,5 millones en inversións

O alcalde de Silleda considera que o orzamento municipal "volve confirmar o espectacular progreso na xestión económica deste Concello, que nos últimos anos pasou de ter un remanente de tesorería negativo a ter superávit nas contas,  e o que é máis importante: a poder facer inversións importantísimas con fondos propios, algo impensable anos atrás cando herdamos unhas arcas municipais lastradas polas débedas e sentenzas condenatorias por impago", engade.

Manuel Cuiña cita tamén logros "que están detrás desta recuperación económica ahora reflexada nas contas" coma a liquidación das débedas coa Fundación Semana Verde, coa empresa Espina. Y Delfín, ou a suspensión da débeda que reclamaba o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar polos gastos da Escola infantil (384.601 euros) cun recurso feito dende o Concello de Silleda que serviu de modelo para outros municipios.

"A Concesión do Obradoiro de Emprego Semente de Pedra, que continuará ata finais de maio, a municipalización do servizos de aguas, do que esteramos ter datos para poder revisar en setembro as taxas vixentes e sobre todo a consecuión da Residencia do Maiores e o agardado PXOM marcan tamén este novo exercicio para o municipio de silleda", remata o alcalde.

Na orde do día do Pleno Extraordinario do vindeiro luns día 20 figura tamén a delegación na Deputación de Pontevedra das facultades para a xestión, inspección, liquidación e recadación da taxa polo servizo de augas, a través do ORAL.

O documento quedou dictaminado hoxe favorablemente na comisión informativa, con tres votos a favor do goberno municipal socialistas e as abastencións do PP e BNG.