Bota a andar a residencia de maiores e Centro de Día, na que se investirán 3,8 millóns de euros

Silleda, 19 de xaneiro de 2017.  A construcción da residencia de maiores de Silleda está xa en marcha. Hoxe constituiuse a Mesa de Contratación para a apertura de plicas da única oferta presentada ao concurso público da concesión demanial para a construcción e xestión do futuro centro por un periodo de 75 anos. A oferta foi presentada pola empresa Coviastec S.L., con sede en Maside (Ourense).

“Este é o pistoletazo de saída definitivo, logo dunha apertura de plicas que podemos calificar de histórica”, advirte o alcalde, Manuel Cuiña, que presidu o órgano de contratación no que tamén participaron a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Pili Peón, o concelleiro de Urbanismo e Obras e Servizos, Klaus Brey, o arquitecto redactor do proxecto, Martín Pereiras, e os técnicos municipais. Excusou a súa asistencia a representante designada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Logo de revisar a proposta presentada, a Mesa de Contratación destacou especialmente que a empresa Coviastec, aumentou considerablemente tanto o  orzamento da obra coma o número de prazas do centro, mellorando moito a proxecto de licitación.

Así, Coviastec oferta 59 prazas de residencia e outras 20 de Centro de Día, en lugar das 20 e 15 prazas previstas inicialmente no proxecto básico.

Así mesmo, o orzamento de execución material da obra duplica o existente ata os 2.576.676,85 euros. Tendo en conta os gastos asociados á construcción, o orzamento total que se destinará para habilitar o edificio ascende segundo a oferta a 3.800.924 euros.

“A inversión, tendo en conta os 1,7 millóns de euros do orzamento de licitación será máis do doble do previsto”, destaca o alcalde.

O seguinte paso será elevar a proposta de adxudicación da Mesa ao Pleno da Corporación, na vindeira sesión ordinaria que se celebrará o xoves día 26. Segundo se recolle nos pregos, unha vez formalizada a adxudicación a empresa terá tres meses de prazo para facerse cos permisos necesarios de cara á construcción do edificio e un ano e medio de prazo para rematar a obra. “Esto significa que en menos e dous anos Silleda terá por fin, despois de moitos anos de espera,  un Centro de Día Residencia cun total de 79 prazas,”, engade Manuel Cuiña.

Así mesmo, o alcalde destaca que os silledenses terán neste centro as prazas de Centro de Día máis baratas de Galicia, cun máximo de 300 euros ao mes, e tamén unhas das prazas residenciais máis baratas da comunidade.

O edificio situarase na parcela municipal de algo máis de 8.000 metros cadrados situada preto do recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, un terreo que pasou a ser do Concello logo do tamén histórico convenio de compensación de débedas coa Fundación Semana Verde.

“Hoxe é un día especial, como tamén o será o día que se inicien as obras dun dos servizos máis necesarios e esperados polos veciños e veciñas de Silleda”, remata o alcalde.