O alumnado do Obradoiro de Emprego Semente de Pedra 2016 comeza a traballar na parcela onde se construirá a residencia de maiores

Silleda, 14 de xaneiro de 2017.  O alumnado do módulo de Instalación e Mantemento de Xardíns e Zonas verdes do Obradoiro de Emprego Semente de Pedra 2016 comezou xa a traballar no acondicionamento da parcela onde se ubicará o edificio da Residencia de Maiores de Silleda.

Nos últimos días, logo das correspondentes medicións topográficas, as 12 alumnas/traballadoras iniciaron as tarefas para preparar o terreo nesta parcela municipal, situada preto do recinto Feira Internacional de Galicia Abanca.

O alumnado realizará as tarefas previstas no proxecto durante as próximas semanas para actuar no ámbito da urbanización interior da finca. Así, crearase un espazo exterior de calidade destinado ao paseo e disfrute dos futuros usuarios/as e visitantes da Residencia e Centro de Día de maiores.  A proposta, segundo se recolle no proxecto é esencialmente paisaxística. Faranse traballos de cantería e paisaxismo/xardinería creando socalcos con mampostería, hastiais, ou movendo terras para a mellora do entorno.

Mesa de contratación o vindeiro xoves

Por outra banda o vindeiro xoves está convocada a reunión para a apertura de plicas do proceso de licitación da concesión demanial do uso privativo da citada parcela para a construción e xestión da citada residencia. Rematado o prazo para presentarse a este concurso público, só se rexistrou unha oferta.

Establécese un mínimo de 40 prazas de Residencia (ampliables a 60) e 15 de centro de día,  coa posteiror xestión de ámbolos dous servizos durante un prazo de 75 anos.

O proxecto construtivo que se toma como base ten un orzamento total de construcción por contrata de 1.746.900,49 euros.

Esta actuación, unha das máis ambiciosas e prioritarias para o goberno municipal, realizarase mediante a chamada fórmula legal da concesión demanial, ligando a construcción da residencia a súa futura xestión.

A residencia construirase na parcela municipal situada preto do recinto feiral, cunha superficie de 8.251,40 metros cadrados. Este terreo, valorado en 247.542 euros, pasou a converterse en municipal logo do histórico acordo de compensación de débedas entre o Concello e a Fundación Semana Verde.

Nos pregos recóllese que a concesión demanial do terreos será por un periodo de 75 anos. A firma que resulte adxudicataria esixelle a construcción e posterior xestión do centro –sen que poidan separarse ámbalas dúas facetas- invertindo en torno a 2 millóns de euros na construcción, ademais de contratar o persoal e xestionar o servizo durante a concesión.

A dotación dunha residencia para maiores con Centro de Día é unha das maiores demandas de Silleda dos últimos anos, cunha poboación altamente envellecida, ao igual que moitos municipios do interior de Galicia.

Segundo se recolle nos pregos, deberán de reservarse 12 prazas, como mínimo, para usuarios veciños e veciñas de Silleda, cun prezo que nunca deberá ser superior aos 1.000 euros en habitación doble, 1.300 en habitación individual ou 1.700 en estancia para asistidos.

Así mesmo establécese que nas listas de agarda terán prioridade os veciños e veciñas de Silleda. Tamén para as prazas do Centro de Día se establece un prezo nunca superior aos 300 euros mensuais para os silledenses (ou o seu equivalente en días) e un prezo estipulado de 3,60 euros para o xantar.