O Concello de Silleda pon en marcha un programa pioneiro na comarca para reducir o abandono escolar

Silleda, 2 de agosto de 2013. O  Concello de Silleda, a través do departamento de Educación, poñerá en marcha nas vindeiras semanas un plan para combatir o abandono escolar, logo de recibir o visto da Consellería de Cultura e Educación á proposta que concorreu á liña de subvencións. Así, dende a Administración autonómica, concedeuse unha axuda de 14.296 euros (o 80%, máximo subvencionable) da cantidade solicitada, un total de 17.870. A cantidade restante será financiada con fondos municipais.

O programa deseñado dende a Concellería de Educación de Silleda, pioneiro na comarca do Deza,  conta cun diversas actividades e propostas para  lograr reducir a taxa de abandono escolar. Está dirixido tanto ao alumnado de 3º e 4º da ESO como a mozos e mozas maiores de 16 anos  xa abandonaron o sistema educativo, así como as familias de Silleda en xeral, traballando novas ferramentas e habilidades para adquirir novas competencias académicas, traballar a súa motivación, e en definitiva mellorar o seu nivel de consciencia de motivación para que non abandonen o sistema educativo. Todo elo sen custes para os usuarios.

Pilar Peón, que asumirá as competencias municipais en materia de Educación, explica que o obxectivo é axudar ao alumnado a mellorar a súa motivación cara os estudos, autoestima, e adquirir novos hábitos e técnicas de estudo.

Primeira acción, este mes

O programa comezará a desenvolverse na vindeira semana con actividades dirixidas ao alumnado de 3º e 4º da ESO que se desenvolverán ao longo de todo o mes de agosto. Así o vindeiro luns día 5 terá lugar xa unha reunión ás 20.00 horas na Casa da Cultura, cos pais/nais e alumn@s.

Nese encontro explicarase o desenvolvemento do programa, con traballo en dous grupos, co que se buscará aumentar a autoestima do alumando, reducir a ansiedade de cara ao exames de setembros e traballar aspectos psicolóxicos, “motivándoos tamén de cara a o vindeiro curso”, engade Peón.  A día de hoxe hai xa preto de 40 alumnos e alumnas anotados nesta iniciativa, totalmente gratuita.

Traballarase en dous grupos reducidos, un para 3º e outro para 4º da ESO tratando de ofrecer deste xeito un servizo o mais individualizado posible, dando respostas as necesidades concretas de cada caso.

As actividades terán lugar dous días a semana, martes e xoves para o grupo de 3º da ESO e mércores e venres para o grupo de 4º da ESO, podendo modificarse ditos horarios en función das necesidades dos mesmos. Os luns servirán para acudir de xeito voluntario a aclarar dúbidas ou para aqueles que queiran traballar estes aspectos do seu desenvolvemento e crecemento persoal de xeito individualizado.

As sesións de traballo serán de 10 a 14 horas. Ademais de obradoiros práticos para traballar  a autoestima, a motivación do alumnado, (con dinámicas, rol playing, xogos, exercicios … que permitan mellorar o crecemento e o desenvolvemento persoal dos alumnos e nas alumnas nestes aspectos) tamén se abordarán cuestións coma a organización do estudo, aprendizaxe de técnicas de estudo novidosas que lles permitan ser máis efectivos no seu estudo ou outras técnicas en cada unha das asignaturas suspensas.

Continuidade cos maiores de 16 anos

Este é un programa totalmente novidoso que se pon en marcha dende o Concello de Silleda, para dar resposta a unha necesidade cada vez máis importante como é o abandono dos estudos por parte da mocidade.

“O que destaca realmente e que con este se vai a traballar cos alumnos e alumnas  aspectos persoais que favorezan e melloren o seu crecemento e desenvolvemento incidindo nos aspectos mais importantes que como persoas debemos de traballar :a nosa autoestima, emocións e motivación”, sinala Pilar Peón.

A iniciativa continuará despois cun programa para mozos e mozas de 16 anos en adiante que desexen retomar os seus estudos para acceder a ciclos de Grao Medio. Para iso crearase un grupo de apoio e axuda  de cara a preparar as probas de acceso aos ciclos,  que se celebrarán en maio do vindeiro ano. “Deste xeito, abrimos novas portas para estes mozos e mozas ou adultos que ven na formación de grao medio unha nova oportunidade de formarse e poder ter un mellor acceso ao mercado laboral”. O prazo para anotarse abrirase en breve.