O prazo para o Servizo Lúdico Educativo abrese o luns día 6 de agosto

A Concellería de Educación de Silleda, que dirixe Pilar Peón, abre o vindeiro luns día 6 o prazo de inscrición no Programa Lúdico Educativo de Apertura de Centros Educativos Públicos fóra do horario lectivo, para o vindeiro curso 2018-2019.

Este programa está destinado ao alumnado de Primaria, de 3 a 12 anos de idade. Os interesados/as en participar deben cubrir un formulario de inscrición e presentalo no Rexistro Municipal, en horario de 09.00 a 14.00 horas. O prazo de presentación das solicitudes remata o venres 17.

Os formularios para a inscrición están dispoñibles no Rexistro Municipal e tamén se poden descargar xa a través da web municipal (www.silleda.gal). O número de prazas do servizo é limitado, pero a diferenza de anos anteriores e atendendo ao novo Regulamento para o servizo que se aprobou no Pleno a admisión non se rexerá só pola orde de entrada das solicitudes. Así teranse en conta novos criterios en base á situación das familias, primando a aquelas nas que os dous proxenitores estean traballando (dado que se trata dun servizo de conciliación); familias monoparentais …. e outros supostos recollidos no propio Regulamento, que tamén se pode consultar na web municipal.

Preinscrición nas actividades de Nadal e de Verán

Do mesmo xeito, e ao igual que se fixo o pasado ano, o formulario inclúe tamén a posibilidade de reservar xa a praza para os campamentos de Nadal e de Verán, realizando todo na mesma inscrición e evitando así aos usuarios ter que realizar máis trámites.

Na Bandeira, ao igual que nestes últimos anos, só se ofertan os campamentos de Nadal e Verán, o Servizo Lúdico ao longo do curso non se oferta.

Coa inscrición hai que axuntar unha serie de documentación, (fotocopia do Libro de Familia, fotocopia da tarxeta sanitaria do/a menor, declaración da Renda 2017, documentos que acrediten a situación laboral dos proxenitores…), e entre elas a autorización de domiciliación de recibos, cun formulario que tamén está dispoñible para os usuarios.

Para recibir máis información as familias interesadas poden dirixirse ao departamento municipal de Educación, chamando ao 986 592037.