A Bandeira acolle o día 28 a Romaría da Malla Tradicional

Silleda, 19 de setembro de 2013. A localidade da Bandeira acolle o vindeiro sábado día 28  a celebración da Romaría da Malla Tradicional, unha cita que recreará a tradición da malla. O certame terá na explanada situada xunto ao edificio Zurbarán (comúnmente coñecido coma “Parchís”), a partir do mediodía.

Así, ás 12.00 horas está previsto que comece a exhibición da malla, con antiga maquinaria e outros apeiros de labranza utilizados que se usaban na comarca antigamente. “Sigo pensando que a malla tradicional é o meu entusiasmo”, explica  Aurelio Fernández Villaverde, organizador do certame que iniciou o pasado ano na parroquia de Rellas.

Na recreación participarán dúas máquinas –unha de 80 e outra de 40 anos de antigüidade. Tamén se amosará o xeito de mallar á pedra e cos manles, e se poñerá en funcionamento un muíño para que según saia o grao se convirta xa en fariña. “Con esa fariña teremos dúas pedras para facer filloas”, explica o organizador, que tamén avanza que haberá outras dúas pedras dispoñibles para asar panceta.

Logo da recreación da malla, sobre as 14.00 horas terá lugar o xantar popular baixo unha carpa, que servirá o restaurante O qué dirán. O menú está composto por empanada, ensaladilla, carne ao caldeiro, postre, pan e viño, e ten un prezo de 17.00 euros. As persoas interesadas poden retirar as invitacións en Silleda (Casa da Cultura), Bandeira (Vitorino), Piñeiro (Parrillada Fonte) ou Lamela (Vinoteca Casa Maceira) ou ben reservar chamando ao 605 980870, antes do vindeiro día 25.

Ás 17.00 horas comezarán os xogos infantís tradicionais para os máis novos e todos aqueles que queiran participar. “Contaremos coa colaboración de José Manuel Colmeiro, de Lamela, como monitor, xunto con outros voluntarios”, di Fernández Villaverde. Non faltarán xogos coma o aro, a estornela, a loita tradicional (se se xuntan dúas parellas), chancas, ou tiro á corda,, e tamén se formarán tres cucañas, engraxadas con sebo, que terán como premio chourizos e lacóns na cima.

Como remate, sobre as 21.00 horas botarase un ramo feito por un fogueteiro simulando unha máquina de mallar, e haberá a queima da meca, ademais de outras propostas de lucería. Ademais, para os máis novos faranse fachicos coa palla da malla “para ensinarlle aos máis novos cómo se alumeaban antes as corredoiras”. Non faltarán artesanos, cabaleiros, e tamén animación musical con Os Carqueixas de Lamela e os seus acordeóns.

O organizador, que conta coa colaboración da Concellería de Cultura e Turismo, dirixida por Margarita Campos, sinala que é unha malla “dedicada aos que somos labregos, porque ser labrego é unha honra e non unha vergoña como algúns pensan”.

Aurelio Fernández agradece a colaboración do Concello de Silleda, os propietarios dos terreo sonde se celebrará a romaría, e os distintos establecementos que colaboran. “Gustaríame contar con representación das 33 parroquias porque fixen a malla en todas, e que a xente colaborara para que a malla sexa unha festa máis ao estilo tradicional”, engade.