A liquidación do 2018 do Concello de Silleda volve arroxar un saldo positivo, con superávit e un resultado orzamentario que supera o millón de euros

Silleda, 18 de febreiro de 2019.  O Concello de Silleda pechou o exercicio de 2018, de novo, con bos resultados económicos, seguindo a estela dos últimos anos. O alcalde e responsable municipal de Facenda, Manuel Cuiña, acompañado de varios membros do equipo de goberno deu conta da liquidación do último exercicio, unha das primeiras en presentarse.

Cuiña, que agradeceu tamén a celeridade do departamento de Intervención na elaboración do documento (o prazo de presentación ante o Ministerio remata aínda o 31 de marzo), destacou varios puntos da liquidación, que recolle que finalmente o orzamento de gastos executado  foi de 8.679.437 euros (inicialmente o orzamento era de 7,8 millóns) “ unha cifra histórica para Silleda e  case impensable hai 4 anos para este concello”.  O resultado orzamentario (diferencia entre ingresos e gastos do exercicio) situouse en 1.065.988,21 euros.

“Executouse un 99,48% do recadadao, o que demostra que se fixou unha boa labor política”, resaltou o alcalde. Finalmente recadouse un 96,29% da cantidade prevista no orzamento inicial, cantidade que sería do 100% se se tivera recadado o terceiro trimestre da taxa de abastecemento e saneamento de augas.

“Esta porcentaxe demostra que o orzamento estaba ben calculado, un documento que é o máis realista do que eu recordó nesta Administración”, engadiu.

O remanente de tesourería, magnitude que mide a solvencia económica da entidade tendo en conta distintos baremos (os fondos dispoñibles, os que se deben e os pendentes de cobro) volveu ser positivo, con 413.969,91 euros, seguindo a mesma liña dos últimos anos e logo de deixar atrás as cifras negativas do ano 2013.

“Quixemos ser cautas neste dato, xa que o remanente podería ter chegado aos 1,4 millóns de euros se se computaran os 681.000 euros aportados pola Deputación para o campo de fútbol da Bandeira, que a día de hoxe están xa cobrados, e os dous trimestres da auga que non se contabilizaron”, engadiu o alcalde.ç

As contas municipais volven a deixar superávit, con 373.780, 17 euros, o que representa un 4,66 do orazamento. Esta é a magnitude máis importante da liquidación, ao indicar a sostenibilidade da administración e e se está amortizando débeda. “Logo de anos escoitando a palabra déficit, o Concello de Silleda volve arroxar superávit”,.

“Cúmplese, como reflexa o informe de Intervención, co principio de estabilidade orzamentaria, e coa regra de gasto de acordo co plan económico financieiro que tivemos que aprobar en abril do pasado ano para facer frente ao pago da dauda de máis de 500.000 euros a Indeza, outra das herdanzas que nos deixaron. Hai unha altísima correlación entre o que se orzamentou e o que se executou”, rematou.

Débeda cero, na metade da vindeira lexislatura

“Se continuamos así, estamos en condicións de que na vindeira lexislatura, aproximadamente en 2 anos, chegar á debeda cero para o Concello de Silleda”, indicou o alcalde lembrando que nas dúas últimas lexislaturas o goberno municipal deu a volta á situación das contas en Silleda

Sen pleno extraordinario

Cuiña avanzou tamén na súa comparecencia que finalmente non convocara o pleno extraordinario para debatir sobre o estado do municipio, vista a reacción dos grupos da oposición. Agradeceu ao BNG que “alomenos contestara á proposta que enviamos, cousa que non fixo o PP” e lamentou que logo de moito tempo sendo solicitado polo anterior voceiro do BNG un pleno destas características “agora non o queiran”.

O vindeiro pleno previsto será o do 28 de marzo, o último de carácter ordinario desta lexislatura.