Aberta a convocatoria de axudas a deportistas federados/as do Concello de Silleda

-Repartiranse un total de 3.000 euros para apoiar a práctica deportiva en competicións oficiais a nivel galego e nacional. O prazo de solicitude, ata o vindeiro día 30

Silleda, 15 de setembro de 2023. O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra vén de publicar a convocatoria das Subvencións a Deportistas Individuais Federados/as do Concello de Silleda para a tempada 2023/2024.

As axudas están destinadas á práctica deportiva de xeito individual ou por parellas, cunha dotación económica de 3.000 euros. Poderán optar deportistas federados/as que estén empadroadas no Concello de Silleda con anterioridade á aprobación das bases, que conten ca licencia vixente expedida pola correspondente federación e que participen en competicións oficiais a nivel autonómico e nacional. As bases foron publicadas no BOP do 12 de abril.

As persoas aspirantes deberán de presentar entre outra documentación un proxecto deportivo para a vindeira tempada, no anexo que acompaña ás bases, publicadas no BOP. Os criterios para a concesión rexeranse polos certificados da correspondente federación, valorando o nivel de competición, historial deportivo, convocatorias con seleccións, categoría dos deportistas (primando as previas á absoluta) e puntuarán tamén as licenzas femininas e de deporte adaptado.

O importe máximo por cada axuda será de 1.000 euros. Serán gastos subvencionables a adquisición de material deportivo, gastos de desprazamento para participar en competicións, pago de adestradores… e os relacionados ca práctica deportiva.

A comisión de valoración das axudas elaborará un informe por cada unha das solicitudes presentadas, elevando as propostas á Xunta de Goberno Local. O prazo para solicitar estas axudas remata o vindeiro día 30 de setembro.

“Con estas bases, que se elaboran por segunda vez no Concello de Silleda, buscamos apoiar ás persoas deportistas que a nivel individual están competindo en circuítos oficiais a nivel tanto galego coma nacional”, indica  o alcalde, Manuel Cuiña. A continuación recóllense as bases e o anexo a cubrir: