Carboeiro acolle a estrea do espectáculo Marionetas e guitarras no Camiño, con Viravolta Títeres e Fernando Reyes

-A cita, incluida no programa O teu Xacobeo, terá lugar na primeira fin de semana de setembro con dúas funcións diarias o venres 4, sábado 5 e domingo 6, ás 16:30 e ás 18:30 horas. Este concerto teatralizado está baseado no relato do monxe italiano Giacomo Antonio Naia, que peregrinou a Santiago no século XVIII

 Silleda, 18 de agosto de 2020.  O mosteiro de Carboeiro acollerá na primeira fin de semana de setembro a estrea do espectáculo “Marionetas e Guitarras no Camiño”, unha proposta cultural con Viravolta Títeres e o prestixioso guitarrista Fernando Reyes, experto en música antiga e temas xacobeos.

O espectáculo, incluido no programa de O Teu Xacobeo, representarase o vernes 4, sábado 5 e domingo 6 na igrexa do mosteiro, con dúas funcións diarias, ás 16:30 e ás 18:30 horas. A entrada é libre e haberá aforo limitado en cada unha delas, cumprindo ademais coa normativa de prevención da Covid 19.

Esta estrea foi presentada hoxe na Sala de xuntas do Concello, ca presenza de Anxo García, de Viravolta, Fernando Reyes e a concelleira de Cultura, Mónica González, quen convidou ao público a disfrutar dun espectáculo “único, diferente, e que de seguro será un éxito polo aval que supón o prestixio dos seus artífices”.

“Marionetas e guitarras no Camiño” está baseado no relato da viaxe a Compostela que fixo o monxe italiano Giacomo Antonio Naia entre 1717 e 1719, e que percorreu distintas localidades galegas co súa guitarra e con monicreques.

Anxo García sinalou que é unha satisfacción volver a traballar con Fernando Reyes, gran coñecedor dos relatos sobre o camiño e co que están a traballar para a estrea desta proposta.

No escrito de Naia noméanse ademais lugares coma O Foxo, daquela o núcleo do que hoxe é Silleda, ou Chapa, entre outros.

Pola sua banda, Fernando Reyes, cun extenso currículum como músico e destacado guitarrista, apuntou  que Carboeiro, (no que tamén ten actuado co seu grupo de música clásica Resonet) “é un dos lugares máis emblemáticos e un mosteiros máis emotivos”.

Tamén sinalou que o relato de Naia ten varios puntos destacados para comprender a peregrinaxe a Santiago. Así, apuntou que Naia “era unha persoa alegre que repartiu alegría” e que con esta proposta “se intenta non tanto rememorar outros tempos senon amosar que naqueles tempos o Camiño de Santiago ou a vida nos conventos coma Carboeirao pode ser moi distinta do que hoxe pensamos”.

A música como vehículo de comunicación, sempre presente nos elatos de peregrinos anteriores ao século XIX é outro dos eixos desta proposta cultural ca que se abre ademais a programación silledense do mes de setembro.

Pola súa banda a concelleira Mónica González agradeceu ao Xacobeo e aos autores do espectáculo que elixiran Carboeiro para a súa estrea. “O mosteiro xa non é só un referente turístico da comarca e da Galicia interior senon que tamén é unha referencia para a celebración de actividades culturais, como se ten demostrado nos últimos anos”, engade.