Fallados os premios da quinta edición do concurso de Microrrelatos

Silleda, 16 de maio de 2016. O xurado do Concurso de Microrrelatos convocado polo departamento municipal de Normalización Lingüística, que dirixe Aida Castro, vén de emitir o seu fallo.

Esta quinta edición, baixo o lema “O meu soño”, contou con numerosa participación, con máis de 110 traballos presentados, o que da conta do interese suscitado por esta convocatoria, dunha actividade xa plenamente consolidada.

No certame narrativo de este ano, na categoría de 6 a 12 anos gañou o microrrelato titulado “Soños de amor e imaxinación”, presentado co pseudónimo Zeltia, realizado por María Gutiérrez Frade, alumna do Colexio Plurilingüe María Inmaculada.

Na categoría de máis de 13 anos o traballo premiado foi “Xurxo de Pena”, de Manuel Canteira, presentado por José Luís Fernández Sarceda.

A orixinalidade das propostas,  e a calidade literaria son algúns dos rasgos destacados polo xurado da narrativa, composto polas xornalistas Blanca Paz (Diario de Pontevedra) e Salomé Soutelo, (Faro de Vigo), e Isabel González, persoa designada pola concelleira.

De acordo coas bases, os premiados recibirán unha tablet valorada en 100 euros e un vale de compara de 20 euros, doado por ECOS para canxear en calquera establecemento asociado.

No caso do colexio plurilingüe María Inmaculada, faráselle entrega de 50 euros para a compra de libros en galego nas librarías do municipio, por ser a gañadora da categoría de 6 a 12 anos alumna de ese centro.

Por outro lado, a campaña de recollida de material escolar da Concellería de Benestar tamén levará 50 euros, debido a que o gañador da categoría de máis de 13 anos non é alumno de ningún centro educativo.

A entrega dos premios realizarase este vindeiro luns, día 23 nas dependencias do Concello de Silleda.

A concelleira Aida Castro felicita tanto aos gañadores como ao resto de participantes “que cada vez nos poñen máis difícil a elección”, destacando a calidade dos traballos presentados.

O certame xurdiu hai cinco anos como fórmula para incentivar o uso do galego entre a poboación máis nova, potenciando ao mesmo tempo a creatividade.