Iniciase o proceso de licitación do servizo de recollida do lixo

Silleda, 11 de xuño de 2014. O executivo municipal de Silleda acordou na última Xunta de Goberno Local iniciar o proceso de licitación do servizo de recollida do lixo. Nestes momentos estanse xa a ultimar os pregos de contratación do servizo, que se prevén aprobar xa vindeira xunta de goberno.

A adxudicación do servizo realizaríase por un periodo de dous anos. “Esta era unha das cuestións que máis apremiaban para normalizar un dos servizos básicos que se presta á cidadanía”, indica o alcalde, Manuel Cuíña.

Esta adxudicación chega tamén en base a un estudo feito polo propio alcalde sobre os custes deste servizo. “Está claro que o servizo resultaría máis barato se o prestara o Concello directamente, pero agora mesmo a opción de municipalízalo non é viable polo Plan de Axuste”, sinala Cuiña, explicando que este plan non permite recurrir á financiación necesaria para a compra de vehículos para a recollida ou a contratación do personal deste servizo.

O prezo de licitación será de 17.500 euros ao mes, prácticamente o mesmo custe que está tendo na actualidade o servizo, e dicir sobre 210.000 euros ao ano.

Adxudicación de tránsito e melloras destacadas

Cuíña explica que a adxudicación se fai por un periodo de dous anos tendo en conta tamén que será no ano 2016 cando entre en funcionamento o servizo provincial xestionado pola Deputación. “Deste xeito, poderemos valorar cómo funciona o consorcio provincial e ver se Silleda se adhire ou non, e por outra banda, tamén teremos dous anos para ver se a situación económica do Concello mellorar e se pode optar por municipalizar o servizo”, engade o alcalde. Deste xeito, Cuíña advirte que o proceso se pode considerar unha adxudicación “de tránsito”.

No tocante ao prezo, pese a que nos pregos que se están a últimar o prezo fixado é o mesmo que o que está a ter o custe actual, recóllense importantes melloras no servizo.

Así, na zona rural doblarase a recollida, pasando de 1 a 2 días cada semana. Tamén se duplicará a periodicidade na recollida selectiva (colector amarelo) , que pasará a realizarse cada semana, en lugar de cada 15 días, como se  viña facendo. Estes colectores están só ubicados nos dous cascos urbanos do municipio (Silleda e A Bandeira), xa que no rural, ao igual que no resto dos municipios galegos non existe recollida selectiva.

Proceso resolto en dous meses

As previsións do goberno municipal pasan por ter rematados todos os trámites da adxudicación nun prazo aproximado de dous meses. Unha vez rematados os pregos de cláusulas administrativas, deben de contar cos pertinentes informes para a súa aprobación, e logo proceder á publicación dos mesmos. Agárdase que o servizo poida comezar a prestarse na primeira quincena do vindeiro mes de setembro, logo de que os pregos sexan informados, aprobados e publicados.

 “Esta regularización xa comezou coa aprobación da nova ordenanza que regula as taxas pola prestación dun servizo que por outra banda estaba sangrando as arcas municipais cun gravísimo déficit”, engade o alcalde.