Instalada xa a aula de informática do programa Conectando o rural

Silleda, 28 de outubro de 2014. O Concello de Silleda vén de poñer en marcha o programa “Conectando o rural”, coa creación de unha aula itinerante de informática.

O proxecto foi presentado, a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras do Deza,  ás axudas do Plan Leader, a fin de contar con subvención para poñer en marcha esta iniciativa, dentro dos programas destinados á diversificación da economía rural e mellora da calidade de vida.O orzamento total do proxecto supera os 8.000 euros, e completarase coa axuda da entidade e fondos municipais.

Esta dotación quedou xa instalada nunha das aulas da planta baixa da Casa da Cultura de Silleda, onde terá a súa base este novo equipamento.  Conta con 12 equipos informáticos e unha pantalla interactiva (acompañada de outros dispositivos coma un proxector) a través da que se darán as pertinentes instruccións aos usuarios.

 “O obxectivo da nosa proposta e traladar os equipos ás parroquias do rural para realizar cursos de formación ou outras actividades relacionadas coa informática que permitan achegar aos nosos veciños e veciñas coñecementos básicos sobre esta materia”, indica o alcalde, Manuel Cuíña.

A dotación foi instalada pola firma Conta Local S.L., que presentou a oferta máis baixa das solicitadas.

Parladoiros e biosaudables en 16 parroquias

Esta iniciativa vén a completar outras propostas iniciadas nos últimos meses para continuar aumentando os servizos no rural silledense, coma no caso dos parladoiros e biosaudables, tamén a través do GDR Terras do Deza, que chegou xa a 10 parroquias e o vindeiro ano instalaranse noutras seis localidades do rural.