Manuel Cuíña comezou esta mañá a rolda de visitas ás parroquias de Silleda

Silleda, 16 de maio de 2016. O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, acompañado polo edil de obras, Klaus Brey, e a súa homóloga de deportes, emprego, turismo, comercio e industria, Ana Luisa González, comezou na mañá de hoxe a súa rolda anual de visitas ás parroquias trasdezás.

Así, nun encontro que tivo que ser adiantado a última hora, por causas de axenda, o rexedor explicou aos veciños varios dos asuntos máis relevantes nos que se está a traballar dende o concello.

De esta maneira, Manuel Cuíña dou conta dos avances do Pxom, pendente do último informe por parte da Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva, así coma do proxecto do Centro de Desenvolvemento Agrario e da procura de subvencións europeas para o seu desenrolo.

Tamén explicou o proceso de actualización catastral no que está inmerso o municipio, e das medidas municipais que se están a tomar para poder bonificar ás granxas, establos e galpóns, que ata agora non estaban suxeitos a tributación, é que dende o concello, mediante unha declaración da agricultura e gandería como sector estratéxico, se pretende aplicar unha bonificación de ata o 95%.

Outro dos temas a tratar, foi o do Centro de Día Residencial de Silleda, para o que xa se está a redactar o proxecto de edificación, ademais de que xunto coa Deputación de Pontevedra, tamén se está preparando un proxecto de urbanización do entorno, que comprenderá o tramo dende a rotonda da Semana Verde, ata a fonte de Outeiro.

A elección dos representantes parroquiais, proceso que comezará nos vindeiros días, foi outra das cuestións explicadas polo rexedor, que tamén fixo unha primeira presentación do posible cambio das oficinas municipais á actual Casa de Cultura. Este último proxecto, ademais de irse presentando polas parroquias, contará cun referendo final para saber as opinións de todos os veciños do concello e encargarase un proxecto definitivo se a proposta sae adiante.

O último dos puntos tratados foi o anuncio dunha campaña de empadroamento por parte do concello, que se presentará aos medios nos vindeiros días, e que tratará de conseguir que ó redor de mil persoas que consta que viven no municipio e non están empadroadas, o fagan, para poder conseguir así todos os beneficios que iso supón para o concello en materia das transferencias por número de habitantes que recibe anualmente das altas institucións.

Logo de dar conta de estes e outros puntos de interese, o alcalde recolleu as propostas dos veciños de Xestoso, que se centraron fundamentalmente nas peticións de desbroce e arranxo de pistas, asuntos ás que respostaron tanto o  rexedor, coma o concelleiro de obras, explicando que o bacheo das pistas xa se está a realizar, cun grande esforzo por parte dos operarios que están traballando a dobre turno, e que transcorrerá en orde, reparando primeiro aquelas vías máis danadas. O desbroce das pistas comezará nas vindeiras semanas.

Esta rolda de consultas polas parroquias continuará nos vindeiros días, e avisarase dende o concello mediante cartas aos veciños, do día, hora e lugar no que terán lugar en cada caso.