Nova convocatoria de emprego en Silleda para titulados en Xornalismo e Comunicación Audiovisual

O Concello abre un proceso de selección para unha praza a través do plan Máis Emprega da Deputación de Pontevedra

Ofrécese un contrato formativo, de carácter temporal, cunha duración de 12 meses a xornada completa

A selección das persoas candidatas realizarase mediante un sistema de concurso, baseado na valoración de méritos

 

O Concello de Silleda publica as bases que rexen o procedemento para a contratación dunha persoa con titulación universitaria de grao en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, a través do programa Máis Emprega da Deputación de Pontevedra. Esta contratación será de carácter temporal, mediante un contrato formativo destinado a proporcionar experiencia profesional axeitada ao nivel de estudos das persoas seleccionadas.

O contrato formativo terá unha duración de 12 meses a xornada completa, cun salario bruto mensual de 1.981,14 euros, incluídas as pagas extra prorrateadas e demais complementos. O contrato inclúe un período de proba dun mes a partir do inicio da actividade.

A selección das persoas candidatas realizarase mediante un sistema de concurso, baseado na valoración de méritos.

As bases do proceso selectivo estarán dispoñibles para o público nas oficinas da Casa do Concello e tamén na páxina web oficial do Concello de Silleda, así como na súa sede electrónica, accesible a través de https://silleda.sedelectronica.gal/info.0, durante todo o período que dure o procedemento.

As persoas interesadas en participar deberán cumprir, entre outros, os seguintes requisitos:

  • Estar en posesión dun grao universitario en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, ou titulación equivalente segundo as leis vixentes, que permita o exercicio profesional.
  • Estar inscritas como demandantes ou en situación de mellora de emprego no Servizo Público de Emprego.
  • Estar empadroadas nalgún concello da provincia de Pontevedra con anterioridade á data de publicación da convocatoria no BOPPO.
  • Non ter superado máis de tres anos desde a finalización dos estudos universitarios, ou máis de cinco anos no caso de persoas con discapacidade.
  • Non ter experiencia profesional previa na mesma actividade dentro da entidade por un período superior a tres meses.
  • Non estar contratadas en prácticas noutros programas formativos da Deputación de Pontevedra no momento da selección.

Presentación de solicitudes

As persoas interesadas que desexen participar no proceso selectivo dirixirán as súas solicitudes ao Concello de Silleda a través do Rexistro Xeral da citada entidade en horario de atención ao público (de 9:00 a 14:00 horas) ou mediante rexistro electrónico dispoñible as 24 horas do día.

As solicitudes deben presentarse no prazo de 3 días hábiles, contados a partir do seguinte á data de citación realizada polo Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).

Todas as notificacións relacionadas co proceso selectivo publicaranse no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Silleda.

As bases da convocatoria poden consultarse no documento adxunto.

20241003_BASES_SELECCION_XORNALISMO_C.AUDIOVISUAL