-Trátaxe dunha axuda extraordinaria da Deputación de Pontevedra para favorecer a conciliación e a igualdade e ante o impacto da COVID 19. Comezará a prestarse a partir do 1 de setembro
Silleda, 21 de agosto de 2020. O Concello de Silleda poñerá en marcha a partir do vindeiro mes un programa de atención á infancia a domicilio no marco das axudas extraordinarias da Deputación de Pontevedra dirixidas aos concellos de menos de 50.000 habitantes para apoio ás familias ante o impacto da COVID 19.
Esta iniciativa, que se enmarca tamén na estratexia local para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, ten por finalidade atender e coidar a nenos e nenas con idades comprendidas entre as doce semanas e os 12 anos, así como menores de idade con discapacidade, para responder de xeito puntual a necesidades relacionadas coa conciliación da vida familiar, laboral e social das familias de Silleda, que non poidan ser satisfeitas a través do servizo prestado nos espazos de atención á infancia e ludotecas, nin en ningún outro servizo posto a disposición por parte do concello ou de outras institucións públicas para atender necesidades de conciliación.
Durante o desenvolvemento do servizo, que se prolongará ata final de ano, atenderanse as necesidades básicas das nenas e nenos (físico-biolóxicas, sociais, cognitivas e emocionais), realizando ao mesmo tempo e sempre que sexa posible actividades lúdicas adaptadas á súa etapa evolutiva.
“O obxectivo deste programa, que continuará ata finais de ano, é facilitar ás familias a conciliación da vida familiar, laboral e social nestes momentos complicados coa incidencia da COVID 19, á hora de coidar aos menores”, indica a Concelleira de Benestar Social, Educación e Igualdade, Ángela Troitiño.
Será o departamento de Igualde do Concello de Silleda, a travé do Centro de Información Á Muller (CIM) quen se encargue de coordinar este novidoso programa que conta con distintas modalidades e que será gratuito para as persoas usuarias.
Os destinatarios deste programa, serán as familias empadroadas en Silleda, con menores comprendidas entre as citadas idades que precisen o servizo por motivos laboráis, (Cubrir o horario laboral das nais, pais ou tutores no caso de enfermidades da/o menor que obrigue a súa estancia no domicilio (máximo tres días); para cumprir cun deber inxecusable que esixa a presenza da/o interesada/o e que impida que se poida efectuar o coidado da/do menor; para realizar tramitacións administrativas presenciais; asistir a consultas médicas; participar en accións de promoción e inserción laboral: entrevistas de traballo, actividades formativas, cambio en horarios laborais, inicio de actividade laboral, cando tales circunstancias teñan carácter imprevisto ou puntual; ou acudir a actividades relacionadas coa participación social.
As familias interesadas terán que cumplimentar unha solicitude no Rexistro Municipal, e unha vez revisada a documentación realizarase unha entrevista cos solicitantes para coñecer as necesidades específicas da familia.
Os servizos presetaránse de luns a venres en horario de 7:30 ás 22 horas, exceptuando fins de semana e festivos.
“Búscase ademais de favorecer a conciliación, garantir o benestar da infancia cubrindo as necesidades de atención e coidado de nenas e nenos, mentres as súas nais, pais, tutoras e tutores, acuden a actividades puntuais de formación, inserción laboral, participación social, entrevistas de traballo, consultas médicas, trámites administrativos ou outras de análoga natureza”, explica Ángela Troitiño, aclarando que se trata dun servizo para “necesidades puntuais motivado pola situación actual que estamos a vivir pola pandemia, e pensando tamén na volta ao colexio e as incertidumes que se poidan dar”, engade.
Para formalizar a petición deste servizo, ademais de cubrir un formulario achegarase documentación básica (fotocopia do DNI da persoa solicitante; do Libro de Familia ou setencia de acollementou ou adopción, documentos de situación de tutela, de ser o caso, fotocopia da tarxeta sanitaria do menor, e certificado de convivencia, entre outros).
Un máximo de 6 horas ao día
As solicitudes, que se atenderán por onde de entrada, deben facerse cunha antelación mínima de 48 horas antes á prestación do servizo. Non se atenderán as solicitudes que se rexistren con máis dun mes de antelación á data solicitada.
Cada unidade familiar terá un máximo de horas, sen carácter acumulativo. Así mesmo, a diario o servizo poderá utilizarse cun mínimo de 1 hora ata un máximo de 6 horas ao día.
Na entrevista que se realizará no CIM establecerase os servizos a prestar en cada caso.
Todas aquelas persoas que desexen informarse sobre o servizo poden dirixirse ao departamento de Igualdade (986 592037).
“Dende o Concello de Silleda queremos agradecer á Deputación de Pontevedra esta axuda que nos permitirá poñer en marcha un servizo que cremos necesario para dar resposta ás familias que, nestes momentos precisan tamén axuda para conciliar”, engade Ángela Troitiño.