Silleda, 23 de xuño de 2016. O Concello de Silleda ven de presentar un concurso, encravado na campaña de empadroamento posta en marcha esta semana, para promover a riqueza turística e paisaxística de trasdeza e fomentar o empadroamento da man de todos aqueles colectivos ou asociacións, legalmente constituídas, que sexan organizadoras de festas patronais ou gastronómicas do municipio.
Baixo o nome “Nas festas…. somos mais”, a este concurso poderanse presentar todos aqueles traballos que formen parte da campaña promocional da festa. Cada organización deberá presentar unha memoria na que se especifiquen as actividades de promoción da festa na que se abarquen aspectos de fomento de empadroamento do municipio, (cartaces, actos de presentación do evento, publicidade de lugares turísticos durante as festas…).
A temática será exclusivamente a promoción do Concello de Silleda e o fomento do empadroamento no mesmo.
Valorarase a orixinalidade das iniciativas, e para levalas a cabo, poderán solicitarse ao concello cantos materiais divulgativos sexan necesarios, sempre e cando o concello dispoña de eles e se atopen desocupados, como poden ser carteis enrollables turísticos, folletos informativos, etc.
O premio consta dun galardón en metálico, dotado con 1.500 euros para o financiamento da festa patronal ou gastronómica que representa a comisión organizadora do ano en curso ou da vindeira edición en anos posteriores. Non poderá empregarse o premio para a realización de outros actos realizados pola comisión ou organización, que non estean relacionados co evento principal.
Poderán concurrir a este concurso todas as campañas organizadas no presente ano 2016, dende o 1 de xaneiro, ata o 30 de outubro.
Os traballos, ademais de outro tipo de documentación recollida nas bases, deberán presentarse no rexistro municipal entre o 2 e o 30 de novembro, ambos incluídos.
Os criterios que se valorarán á hora de conceder o premio serán:
– A orixinalidade e calidade da campaña, en xeral
– O número de posibles destinatarios da campaña
– O impacto da campaña no municipio e fóra do mesmo
– Calquera outro aspecto a ter en conta que axude a conseguir os obxectivos da campaña
As bases deste concurso poderán consultarse adxuntas a esta nota.