O Pleno aprobará a creación dunha escola municipal de golf rústico

Silleda, 20 de setembro de 2013. Os tres grupos políticos municipais de Silleda (PSOE, PP e BNG) veñen de asinar unha moción conxunta apoiando a creación dunha escola municipal de golf rústico, modalidade que está a despertar o interés dun grupo de veciños.

Tal e como recolle a moción, que se presentará no vindeiro pleno do xoves día 26, xa no mes de agosto os voceiros dos tres grupos asinaron un protocolo de intencións no que se recollen os obxectivos da escola. Entre eles figuran que a escola teña un carácter popular e aberto, tanto no plano económico como social, e que as dotacións que se realicen sexan sustentables dende o punto de vista medioambiental.

Tamén se fixan como obxectivos que a entidade conta con actividades formativas, promocionando o deporte base, así como que teña un carácter interxeracional. En canto á cuestión económica, segundo recolle o texto, a escola procurará a súa autoxestión, con tarifas asequibles para a cidadanía en xeral.

Dende o Concello de Silleda, á vista deste acordo, procederase á creación da citada escola no menor prazo de tempo posible.

Este acordo é un dos primeiros pasos para a creación da escola, mentres os promotores do proxecto seguen a estudar distintas alternativas para ubicar o campo de golf rústico, segundo os terreos que mellor se adapten as características da proposta. O proxecto  inclúe un túnel de formación, Putting Green, Cancha de prácticas e Campo de golf Rústico  (pares tres).

Estase valorando incluso ubicar a cancha de prácticas nalgún emprazamento do casco urbano de Silleda e outros en distintos puntos do termo municipal, nos que cabería a posibilidade de asinar convenios cos propietarios dos terreos.