Primeira sesión dos Seminarios de Preformación Laboral en Silleda

-O Centro de Información ás Mulleres do Concello de Silleda promove estas charlas que, repartidas en catro bloques, se impartirán ata o próximo mes de xullo

-A iniciativa acadou moi boa acollida e conta con todas as prazas cubertas

Silleda, 12 de maio de 2016.  O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e a concelleira de Benestar e Igualdade, Pili Peón, deron a benvida esta mañá ás 20 mulleres que participan no primeiro dos bloques dos “Seminarios de Preformación Laboral”, organizados polo CIM de Silleda.

Esta iniciativa nace coa idea de procurar unha maior incorporación da muller rural ao mercado laboral, está dividida en catro bloques e impartirase entre os meses de maio a xullo.

Así, o primeiro dos bloques, iniciado hoxe, e denominado “Autonomía Emocional”, distribuirase entre os días 12, 19, e 26 de maio, e o 2 e o 9 de xuño, e tratará temas como autocoñecemento, autoestima, automotivación, responsabilidade, optimismo ou actitude positiva, e resilencia.

O bloque dous, “Conciencia e Regulación Emocional”, comprende o análise das relacións entre emocións, pensamento e comportamento, a expresión emocional apropiada, regulación das emocións, (autorregulación), e habilidades de afrontamento, e terá lugar os días 16 e 23 de xuño.

Nun terceiro bloque chamado “Competencias Sociais”, previsto para o 30 de xuño e o 7 de xullo, examinarase o manexo das habilidades sociais básicas, prosocialidade e cooperación, comunicación, e prevención e resolución de conflitos.

E o bloque que pecha os seminarios, “Competencias para a vida – plan de acción”, celebrarase os días 14 e 21 de xullo, cos contidos de motivación, formulación de obxectivos realistas e adaptativos, tomas de decisións, participación social, crítica e responsable, e establecemento dun plan de acción.

Cada unha das citas desenvolverase nos días previstos ás 11:00 horas, na Casa de Cultura de Silleda.

En declaracións da Concelleira de Igualdade, Pilar Peón, asegurou que “nun medio coma o rural, onde á dureza da vida cotiá se suma a continuidade de situacións que dificultan que as mulleres rurais poidan exercer os seus dereitos laborais, sociais e económicos en igualdade de condicións que os homes, son indispensables actuacións coma estas de preformación laboral, dirixidas a mellorar actitudes e destrezas da muller, así coma desenvolver habilidades e capacidades para a busca activa de emprego”.