Silleda convoca á veciñanza o 2 de maio para comezar co plan estratéxico da Axenda 2030

– A xuntanza celebrarase ás 21.00 horas no salón de actos da casa do Concello

– Paula Fernández: “Querémoslle dar voz á veciñanza para conseguir que Silleda sexa máis sostible e inclusiva”

– O Concello vai iniciar as reunións sectoriais para localizar e implementar no municipio os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

– Foi o único concello galego que en 2023 recibiu unha axuda do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030

Silleda. 22-4-2024.- O Concello de Silleda comezará o vindeiro mes de maio a desenvolver o Plan Estratéxico de Localización e Implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 que establecerá a folla de ruta a seguir para acadar os obxectivos aprobados na ONU en favor do desenvolvemento sostible. O goberno municipal quere facer esta transformacións da man de toda a veciñanza, por iso convida aos representantes de todos os colectivos sociais e económicos do municipio á reunión de presentación que se celebrará o 2 de maio no salón de actos da casa do Concello a partir das 21.00 horas.

“Querémoslle dar voz á veciñanza para que, coa súa conciencia xeradora de transformacións, nos permitan acadar en Silleda un desenvolvemento máis sostible e inclusivo”, asegura a alcaldesa. Paula Fernández lembra que Silleda conseguiu o ano pasado unha subvención de 57.345 euros do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 para a elaboración da Axenda 2030. “Fomos o único concello galego que obtivo esta axuda, en concorrencia competitiva, entre as 629 solicitudes presentadas”.

“Dende un concello como o noso podemos facer moitos cambios para mellorar a calidade de vida da cidadanía e acadar os ODS aprobados pola ONU, contribuíndo a un desenvolvemento máis sostible”, asegura Paula Fernández, que invita a toda a veciñanza a participar en todas
as reunións que se celebren para desenvolver a Axenda 2030.

Como resultado da elaboración do plan estratéxico, obterase unha ferramenta para planificar as estratexias a seguir, en coherencia co diagnóstico realizado a nivel local. Estableceranse as políticas e accións a seguir para incorporar os ODS a todos os ámbitos, detallando compromisos, medios que se usarán e unha programación concreta para despregar en Silleda a Axenda 2030, favorecendo cuestións como a loita contra o cambio climático, a transición cara a economías baixas en carbono, a eficiencia enerxética, a economía circular e a aposta por unha sociedade máis igualitaria, entre outras.

A Axenda 2030 de Silleda será unha axenda para o desenvolvemento global, pero partindo da realidade local, contextualizando os ODS no municipio, para poder avanzar na súa consecuencia de abaixo cara a arriba. A Xunta de Goberno Local vén de aprobar os contratos para a redacción do Plan de Acción, definición e implementación dun sistema de monitorización, seguimento e avaliación da Axenda 2030 e o do plan de comunicación.

Estas actuacións continúan na liña marcada polo goberno de Silleda para favorecer un desenvolvemento sostible, como a adhesión do Concello á Rede de Entidades Locais (en 2020) ou como a pioneira rede de calor con biomasa implantada en 2018 en varias instalacións municipais con enerxía máis limpa e sustentable.