Silleda súmase á rede de Concellos

Silleda, 31 de marzo de 2018.  O Concello de Silleda pasará a formar parte dos municipios “Doing bussiness”, no marco do protocolo asinado o pasado mes de decembro entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para fomentar a implantación e fixación de empresas.

A adhesión a este protocolo, co se busca ademais de asentar empresas no territorio fomentar a creación de emprego, implica a adopción dunha serie de medidas a nivel municipal, entre elas a modificación de ordenanzas fiscais. Esta iniciativa levarase ao próximo pleno ordinario de Silleda que se celebrará o vindeiro venres día 6 de abril.

Na proposta de Alcaldía, que conta cos informes favorables de Secretaría e Intervención, figura o establecemento de bonificacións potestativas de ata o 95% no Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) e Imposto de Actividades Económicas (IAE) para as actividades económicas declaradas de especial interesse ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego. Tamén se propón unha bonificación en circunstancias similares para o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO).

Estas vantaxes fiscais estableceránse –segundo marca o acordo suscrito entre Xunta e Fegamp- en función do número de postos de traballo que se xeneren.

Así establécense varios tramos: cando menos o 50% de rebaixa pola creación de ata 10 postos de traballo; o 75% por crear entre 11 e 20 postos de traballo e ata o 95% de reducción dos impostos para aquelas empresas que se asenten no municipio e creen máis de 20 postos.

Estas medidas de carácter fiscal deberán de manterse alomenos durante tres exercicios orzamentarios. Así mesmo, corresponderá ao pleno a decisión sobre as empresas a bonificar que así o soliciten.

“Consideramos que se trata dunha medida que pode favorecer o asentamento de novas empresas no noso municipio”, indica o alcalde e responsable municipal de Facenda, Manuel Cuiña. “Con esta iniciativa as Administracións trataremos de traballar en favor da creación de emprego, que é o obxectivo último destas medidas”, engade.

Os Concellos Doing Bussiness terán así mesmo preferencia en convocatorias en réxime de concorrencia competitiva para axudas autonómicas destinadas a impulsar a industria, o emprego e o emprendemento.

“Dende o goberno silledense seguimos contribuíndo, na medida das nosas posibilidades á creación de emprego, con iniciativas coma esta que se suman a outras de carácter municipal coma as axudas a fondo perdido para os veciños e veciñas que estando no paro decidan emprender o seu propio negocio”, explica Cuiña.

As bases que rexirán esta última iniciativa, o Plan Municipal de Axuda á Creación de Empresas, figurarán tamén na orde do día do pleno do vindeiro día 6, logo de que xa se habilitar no orzamento deste ano unha partida de 15.000 euros, similar a do pasado exercicio.