Comeza o XIV Concurso de Escaparates de Nadal

 

Silleda, 7 de decembro de 2013. Mañá domingo bota a andar unha nova edición do Concurso de Escaparates de Nadal, organizado pola Concellería de Comercio de Silleda, que dirixe Luis Rodríguez,  en colaboración coa Asociación de Comerciantes e Empresarios de Silleda (ECOS) e outras entidades colaboradoras.

O obxectivo do certame é dinamizar o sector comercial do municipio, ademais de crear un ambiente festivo que anime aos veciños e veciñas a visitar os comercios locais.

Segundo recollen as bases, no concurso poderán participar tódolos comerciantes e empresarios do Concello que posúan escaparates de exterior, preparados de acordo coas condicións xerais que regulan o concurso. Non se esixirá inscrición previa,  mais unha Comisión de Admisión determinará que establecementos entrarán a formar parte do grupo de seleccionados para o concurso final. O ámbito será municipal. Calquera establecemento comercial, se cumpre as condicións mínimas requeridas poderá ser considerado concursante.

Establecense tres premios. Haberá un primeiro premio Concello de Silleda, por valor de 200 euros e diploma, ademais de unha estancia dunha noite para 2 persoas, en réxime de aloxamento e almorzo, con disposición do Clube Termal, por xentileza do Hotel Vía Argentum de Silleda, que abrirá as súas portas en Silleda o vindeiro mes de marzo.

O segundo premio, para o escaparate máis orixinal e innovador, está dotado con 150 euros máis diploma, outorgado por Espina y Delfín. Tamén por xentileza do Hotel Vía Argentum, de catro estrelas, o establecemento gañador recibirá unha cea para dúas persoas. O terceiro premio, para o escaparate máis comercial con exposición do produto, é outorgado pola asociación ECOS. Está dotado con 100 euros e un acceso para dúas persoas ao circuito termal do Hotel Vía Argentum.

A partir de mañá a organización irá anotando aos establecementos participantes, que teñan os escaparates elaborados conforme aos requisitos e que merezan, aos seu criteiro participar.

O xurado estará composto por varias persoas, con cualificación suficiente para valorar os traballos expostos. Entre os criterios a valorar figurarán a orixinalidade e innovación, iluminación, ou o carácter comercial. As bases estarán dispoñibles na web municipal.

Os premios entregaranse o vindeiro día 5 de xaneiro na Casa da Cultura, como vén sendo habitual, durante a recepción ás Súas Maxestades os Reis Magos, previa comunicación do fallo do xurado.

Dende o Concello agradecése a colaboración das empresas que colaboran na aportación de premios, así como dos Ciclos Medio e Superior de Xestión Comercial e Márquetin do IES Pintor Colmeiro de Silleda.

O concelleiro de Comercio, Luis Rodríguez, anima aos establecementos a participar nesta iniciativa. “Trátase dun certame que está plenamente consolidado e xa é un clásico do Nadal en Silleda, no que o comercio debe de ser un dos protagonistas destas datas”, engade. O responsable desta área municipal agradece tamén a colaboración de empresas e entidades no concurso de escaparates.