Silleda completa o equipamento dos servizos ambientais municipais coa incorporación dun novo remolque

O Concello de Silleda vén de incorporar un novo remolque destinado aos servizos municipais de mantemento e conservación de zonas verdes e espazos públicos, completando así o proxecto de equipamento dos servizos ambientais que permitiu tamén a adquisición dunha furgoneta eléctrica, recibida o pasado mes de agosto.

O novo equipamento, entregado hoxe nas dependencias municipais, foi adxudicado á empresa Ferro Deza, S.L., por un importe de 3.400,10 euros, IVE incluído, e destinarase fundamentalmente ao transporte de maquinaria e ferramentas empregadas polo persoal municipal nos traballos de xardinería e conservación de espazos públicos.

En particular, o remolque permitirá transportar con maior seguridade e facilidade o cortacéspede de xiro cero co que conta o Concello, facilitando o seu desprazamento aos distintos puntos do municipio nos que se realizan tarefas de mantemento de zonas verdes, áreas recreativas e outras infraestruturas municipais.

A alcaldesa, Paula Fernández Pena, destacou a importancia de seguir dotando os servizos municipais de medios adecuados para o desenvolvemento do seu traballo. “Moitas veces son investimentos modestos en comparación con outras actuacións, pero teñen unha enorme utilidade no día a día. Contar cun remolque destas características vai facilitar moito o traslado da maquinaria e permitirá ao persoal municipal traballar con maior seguridade e eficiencia”, sinalou.

Fernández Pena lembrou que esta adquisición complementa a incorporación, o pasado mes de agosto, dunha furgoneta eléctrica Citroën ë-Berlingo, destinada tamén aos servizos de xardinería e protección ambiental.

“Seguimos avanzando na mellora dos medios materiais cos que conta o Concello. O noso obxectivo é que os traballadores e traballadoras municipais dispoñan de ferramentas e equipamentos adecuados para prestar un mellor servizo á veciñanza, especialmente nun municipio tan extenso e cun número tan elevado de núcleos de poboación como Silleda”, engadiu a rexedora.

Un investimento financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental

A adquisición deste remolque forma parte do proxecto de equipamento dos servizos ambientais municipais financiado pola Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental 2026, destinado aos concellos afectados por instalacións eólicas.

A Administración autonómica concedeu ao Concello de Silleda unha achega de 28.425,44 euros para este proxecto, que contemplaba a adquisición de dous equipamentos complementarios: unha furgoneta eléctrica e un remolque para o transporte de maquinaria.

A furgoneta, unha Citroën ë-Berlingo eléctrica equipada cunha batería de 50 kWh, foi recibida o pasado 21 de agosto tras a súa adquisición por un importe de 23.800 euros, IVE incluído.

Coa entrega do remolque, o Concello completa as incorporacións previstas neste proxecto, reforzando os recursos dispoñibles para o mantemento dos espazos públicos, a conservación de zonas verdes e as actuacións de protección ambiental.

A alcaldesa reiterou finalmente o compromiso do goberno municipal de continuar modernizando os medios dos servizos municipais, “aproveitando as oportunidades de financiamento doutras administracións para incorporar equipamentos que permitan mellorar a capacidade de resposta e a calidade dos servizos que prestamos á cidadanía”.