O Concello de Silleda convoca á veciñanza entre o 2 e o 6 de setembro para elixir os festivos locais dos próximos anos

O proceso de participación cidadá levarase a cabo a primeira semana de setembro

O goberno municipal consultará as datas que despois fixará o pleno

Poderán participar as persoas empadroadas a partir de 16 anos

Votarase na Casa Consistorial pola mañá e no Centro Cultural Vista Alegre pola tarde

Ademais das tres celebracións elixidas dos últimos anos, as persoas electoras poderán propoñer outras datas ata un máximo de 2

O Concello de Silleda abre un proceso de votación cidadá para seleccionar os dous festivos locais a partir de 2025. A consulta, que se celebrará na primeira semana de setembro, está aberta a todas as persoas empadroadas en Silleda a partir de 16 anos.

As votacións terán lugar entre o luns 2 e o venres 6 de setembro, con dúas opcións de horario para facilitar a participación: de 09:00 a 14:00 horas na Casa do Concello e de 16:00 a 21:00 horas no Centro Cultural Vista Alegre. As persoas participantes poderán elixir entre as tres datas tradicionais (Venres do Lacón, Luns da Empanada e Día da Saleta) e propoñer outras datas que consideren axeitadas, sempre seleccionando un máximo de dúas opcións.

O reconto de votos, que será público, realizarase o venres 6 de setembro no Salón de Plenos do Concello. As dúas datas máis votadas serán levadas ao Pleno ordinario de finais de setembro para a súa aprobación definitiva.

“Somos conscientes de que hai distintas sensibilidades sobre este asunto, polo que tal e como se anunciou o pasado ano, celebraremos este proceso de participación cidadá para decidir democráticamente as dúas datas festivas locais en Silleda para os vindeiros anos”, indica a alcaldesa Paula Fernández.

Dende o goberno municipal lémbrase que no ano 2009 celebrouse unha votación na que a veciñanza elixiu como festivos o 19 de setembro e o luns das festas de verán da Bandeira. Hai 5 anos, en 2019, ao decidir a comisión de festas organizadora da Saleta cambiar a data para facela coincidir en fin de semana, optouse por establecer como festivo o venres das festas de verán Silleda,  pero en maio de 2023 a veciñanza de Siador decidiu volver a celebrar o día da Saleta o 19.

“Esta iniciativa forma parte dos procesos de participación que se abrirán nos vindeiros meses,  e que continuarán tamén coa creación do Consello Veciñal despois de crear tamén en xullo o Consello da Muller”, indica a concelleira de Participación Cidadá Mónica González.

En caso de empate entre as opcións, resolverase por sorteo. Ademais, se un dos festivos seleccionados coincide cun sábado ou domingo nalgún ano, a seguinte opción máis votada será a designada como festivo.