O cenobio románico, cun entorno único, continúa aberto todos os días durante o verán
O Mosteiro de Carboeiro rexistrou máis de 3.500 visitantes durante os meses de xuño e de xullo, consolidándose como un dos destinos culturais máis importantes da comarca. Aínda que en xullo se observou unha lixeira diminución de visitantes en comparación con anos anteriores, probablemente debido ao tempo desapracible da primeira quincena, nas últimas semanas o fluxo de visitas volveu aumentar.
En xuño, o Mosteiro recibiu a 1.737 persoas, mentres que en xullo foron 1.810 os visitantes que se achegaron ata esta xoia do románico oxival en Galicia.
En canto á procedencia dos visitantes, en xuño a maioría foi de orixe galega (70%), seguida de turistas doutras comunidades, destacando Valencia. Ademais, recibimos preto de medio centenar de visitantes estranxeiros procedentes de países como Portugal, Alemaña, Inglaterra e Francia.
No mes de xullo a procedencia dos visitantes variou, cun 47% de turistas de outras comunidades españolas, especialmente de Madrid e Andalucía, sumando máis de 700 visitantes. Os galegos representaron o 44% das visitas. Tamén houbo un incremento notable de visitantes internacionais, superando os 150, procedentes de países tan diversos como Estados Unidos, México, Indonesia, Alemaña, Inglaterra e Francia.
Horarios e ampliación de servizos
O Mosteiro de Carboeiro mantén o seu horario de verán, estando aberto ao público todos os días de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 20:00 horas. Esta ampliación de horario é posible grazas á incorporación dun segundo guía turístico a través do programa Info Rías Baixas da Deputación de Pontevedra.
Con esta ampliación de persoal, financiada pola Deputación a través da Rede Info Rías Baixas (mediante contrato con empresa, segundo a modalidade establecida nas bases da axuda), reforzamos un ano máis a atención no Mosteiro, onde tamén se ubica o Punto de Información Turística do Concello de Silleda.