Silleda é un dos 53 concellos adheridos a este plan que ofrece estancias de seis días e cinco noites en instalacións de benestar
Dende o departamento de Benestar ofrecerase asistencia á veciñanza que desexe formalizar a súa inscrición antes do 5 de setembro
A Deputación de Pontevedra vén de abrir o prazo para participar no programa +BENESTAR, unha iniciativa destinada a persoas maiores de 55 anos, xubiladas e pensionistas, co obxectivo de favorecer o envellecemento activo e fomentar a participación e cooperación social.
O programa ofrece unha estancia de seis días e cinco noites en instalacións de benestar como hoteis balneario, talasos, spas ou outras de características similares situadas na provincia de Pontevedra. Poderán participar as persoas empadroadas na provincia maiores de 55 anos ou, no caso de ser menores desta idade, que conten cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65%.
O programa desenvolverase en sete establecementos termais da provincia, situados en Sanxenxo, Mondariz, O Grove e Lalín: Gran Talaso Hotel Sanxenxo, Balenario de Mondariz, Hotel Carlos I Silgar, Talaso Hotel Louxo La Toja, Hotel Spa Norat Torre do Deza, Hotel Spa Galatea e Hotel Nuevo Astur Spa. Os prezos oscilarán entre os 330 e os 425 euros, segundo o establecemento. Ademais da estadía, o paquete comprende pensión completa (coas bebidas incluídas); o uso do spa, do balneario ou doutras instalacións de características similares un mínimo de dúas horas ao día; e o traslado de ida e volta en autobús aos establecementos desde os concellos de Vigo ou Pontevedra.
O prazo de inscrición estará aberto ata o 5 de setembro. As persoas interesadas poden tramitar a súa solicitude a través da sede electrónica da Deputación de Pontevedra. Ademais, como un dos 53 concellos adheridos ao plan, o Concello de Silleda ofrecerá como vén sendo habitual asistencia a través do seu departamento de Benestar. A veciñanza recibirá axuda na tramitación das solicitudes, garantindo que todas as persoas teñan acceso a esta iniciativa.
Para máis información, pódese contactar co departamento de Benestar de Silleda ou premer neste enlace.