Nos últimos días colocáronse estas barreiras en estradas de Moalde e de Negreiros así como espellos en varios cruces do municipio
O obxectivo destas actuacións é reforzar a visibilidade das persoas condutoras
O Concello de Silleda continúa traballando co obxectivo de mellorar e reforzar a seguridade viaria nas pistas do rural. Así, nas últimas semanas procedeuse á colocación de varios tramos de biondas en distintos puntos ante a existencia de desniveis pronunciados nas estradas.
Estas barreiras quitamedos foron instaladas na parroquia de Moalde, na pista que une esta localidade coa da Bandeira, e tamén na de Negreiros, no lugar de Riocalvo, nun viario paralelo á estrada Nacional Santiago-Ourense.
Ademais destas barreiras, procedeuse tamén á colocación doutros elementos de seguridade viaria como espellos en varias interseccións en localidades como Rellas, Oleiros e Saídres. Estas actuacións veñen precedidas de informes policiais, polo que se optou por mellorar a visibilidade das persoas condutoras, evitando situacións de perigo.
Todos estes elementos foron adquiridos polo Concello de Silleda con cargo aos remanentes de anos anteriores da cantidade que lle corresponde á entidade do Plan Máis Provincia da Deputación.