Silleda, 12 de decembro de 2013. O Concello de Silleda, a través da Concellería de Deportes, que dirixe Klaus Brey, vén de iniciar os traballos de acondicionamento nos terreos nos que se situará o campo de formación provisional , instalacións coas que arranca o proxecto da Escola Municipal de Golf Rústico. Este campo estará composto por un túnel de entrenamento, un putting green e mini golf.
O equipo municipal de xardinería iniciou esta mañá os traballos de limpeza e acondicionamento da parcela, ao lado do edificio da Escola Municipal de Música. Estes terreos foron cedidos temporalmente polos seus propietarios para a citada dotación, onde se darán clases ao público máis novo.
Unha vez que rematen as tarefas de limpeza, o terreo vaise nivelar con area. Tamén se colocará moqueta para a zona de pateo. Esta actuación supón o primeiro paso para a posta en marcha da Escola de Golf Rústico, promovida dende o Concello á vista do interese dun grupo de veciños e veciñas. Dende a Concellería de Deportes agárdase ter listo o campo a finais da vindeira semana. Tamén se plantexa a posibilidade de celebrar xornadas de portas abertas entre o vindeiro día 25 e 31, dirixido a todas as familias do municipio e da comarca que desexen achegarse a coñecer este deporte.
Do mesmo xeito, a partir do vindeiro mes de xaneiro está prevista a posta en marcha do programa “Golf nos colexios”, unha iniciativa promovida dende a Federación Galega. Así, a través deste programa a entidade enviará aos centros educativos equipamento para a práctica deste deporte e se formará aos/as profesores de Educación Física para impartir as clases ao alumnado.
“Trátase dunha modalidade deportiva que xa ten un bo número de seguidores no noso municipio e que agardamos que continúe con estas iniciativas para promover a súa práctica entre as xeracións máis novas”, sinala o concelleiro de Deportes, Klaus Brey.