O Servizo de Mobilidade da Coruña require xustificación adicional para a ampliación dos autobuses escolares nesta ruta, polo que se solicita ás persoas usuarias interesadas que se poñan en contacto co Concello
A Xunta respondeu ao informe elaborado polo goberno local indicando que xa lle que requiriu á concesionario a corrección das deficiencias
O Concello de Silleda solicita novamente a colaboración cidadá no marco da campaña para a mellora do transporte público que se iniciou hai xa varios meses, a través da aplicación gratuíta Liña Verde, que se utiliza para a comunicación entre a entidade local e a veciñanza.
Así, convídase ás persoas interesadas no reforzo da liña cara a Lalín-Ourense durante o curso escolar a poñerse en contacto co Concello, a fin de lograr a ampliación e mellora desta liña ca empresa concesionaria do transporte público no municipio.
Esta petición xurde a raíz da resposta do Servizo de Mobilidade da Xunta de Galicia á petición do Concello de Silleda para ampliar os servizos a primeira hora da mañá de cara a facilitar a mobilidade do alumnado que se despraza a Lalín e Ourense. O organismo autonómico considera que o servizo está suficientemente cuberto, argumentando que, en época lectiva, xa existe unha ruta Lamela-Lalín que chega a Lalín ás 08:05 horas, e non ven xustificada a demanda para a ruta ata Ourense, ao referirse a necesidades de desprazamento moi concretas.
Aínda así, o Servizo de Mobilidade da Coruña propón ao Concello acreditar a necesidade de incrementar este servizo a primeira hora da mañá, polo que dende a entidade local se fai un chamamento a todas as persoas usuarias do transporte público desta liña apelando á súa colaboración por se estiveran interesadas en reforzar esta liña.
Así, nos vindeiros días o Concello de Silleda colocará carteis informativos nas marquesiñas dos autobuses para animar á cidadanía e tamén á comunidade educativa a seguir participando nesta campaña e manifestar o seu interese na ampliación da referida ruta. Para solicitar dita ampliación, poden comunicalo a través da aplicación liña verde, do correo electrónico xestionurbana@silleda.gal ou chamando ao teléfono 986580000.
Comunicación de incidencias
Por outra banda, e a raíz do informe elaborado polo Concello de Silleda sobre as deficiencias do transporte, sempre contando ca colaboración cidadá que foi comunicando as distintas incidencias, dende o Servizo de Mobilidade sinalan que xa analizaron as demandas da veciñanza e que “se teñen feito os correspondentes requirimentos á concesionaria dos autobuses para a súa corrección”. Ademais, lembran que no caso das paradas intermedias os pregos das concesións permiten un desvío horario de ata 15 minutos.
Entre as queixas máis recorrentes da cidadanía destacan os constantes retrasos e o incumprimento das paradas obrigatorias. “Dende o Concello consideramos fundamental a colaboración da veciñanza neste tipo de accións que buscan lograr un transporte público acorde co século XXI para seguir fomentando unha mobilidade sostible no noso municipio”, indica a alcaldesa Paula Fernández, que agradece a participación das persoas usuarias na campaña municipal de mellora do transporte público.