Natural de Ponte, reside nesta localidade silledense cos seus netos dende hai 23 anos. Goza dunha excelente saúde despois dunha dura vida de traballo no campo
Dolores Amparo González López, residente na parroquia silledense de Vilar, vén de celebrar o seu 101 aniversario. Esta mañá a alcaldesa, Paula Fernández, e a concelleira de Cultura, Mónica González, visitaron a Amparo na casa do lugar de Cabodevila, onde reside coa súa neta María José e con Toño, o marido desta, dende hai 23 anos.
Alí se trasladou ao quedar viúva dende a súa parroquia natal de Ponte. Amparo, que foi tataravoa hai seis meses, co nacemento de Erik, fillo da súa bisneta Laura, goza dunha saúde e lucidez envexables. É totalmente autónoma e destaca polo seu fermoso sorriso.
Gústalle entreterse con tarefas como debullar chícharos ou atar cebolas, ademais de ver a televisión polas mañás.
Paula Fernández, que a agasallou en nome da veciñanza cun ramo de flores, departiu con ela sobre o día a día e a dura vida que levou co traballo no campo. Amparo, como é coñecida, sumábase o pasado ano ao club de persoas centenarias de Silleda.