Trátase das actuacións en Rabo de Gato, cun investimento de máis de 100.000 euros, e pistas de Laro, Breixa e Saídres, no programa de Rehabilitación de Camiños Rurais por 201.000 euros
O Concello de Silleda continúa coa mellora integral das principais vías e accesos nas zonas rurais do municipio. Nos vindeiros meses, acometeranse varias actuacións en distintas parroquias, cun investimento total que supera os 300.000 euros financiado a través de distintos plans.
Recentemente, adxudicáronse dous proxectos en Xunta de Goberno Local, tras a finalización do proceso de licitación e dos trámites correspondentes á mesa de contratación.
En Moalde, a través do Plan Marco, levarase a cabo a mellora da pista de Rabo de Gato, un vial que conecta a N-640, no Alto de Xindiriz, co entronque da estrada que discorre paralela dende Cervaña. As obras afectarán un tramo de case 2,4 quilómetros de lonxitude, mellorando significativamente o acceso aos lugares de Xindiriz, Caxamaría e Rabo de Gato. Os traballos foron adxudicados á empresa Taboada y Ramos por un importe de 104.382,83 euros, IVE incluído.
Ademais, con cargo ao Plan de Rehabilitación de Camiños de zonas de Concentración ou Reestruturación Parcelaria (2023-24), e asumindo o Concello a parte correspondente a través dos fondos de Máis Provincia, actuarase nas parroquias de Laro, Breixa e Saídres.
Na parroquia de Laro, mellorarase o vial que dá acceso ao lugar da Pereira; en Saídres, intervirase na pista de Maragouzos; e, no caso de Breixa, realizaranse obras no vial do lugar de Breixiña. Estas actuacións tamén foron adxudicadas a Taboada y Ramos, por un importe de 201.375,28 euros, IVE incluído.
Adicionalmente, nas vindeiras semanas, prevese a licitación de melloras viarias nas parroquias de Refoxos e Manduas, financiadas cos fondos do plan Máis Provincia asignados a Silleda. O orzamento estimado para estas actuacións é de 350.000 euros.
«Con estes programas continuamos a liña de traballo dos últimos anos, aglomerando en quente os accesos principais e mellorando a nosa rede viaria cunha dotación de maior durabilidade», explica a alcaldesa, Paula Fernández.