A Avenida Recinto Feiral quedará pechada ao tránsito, agás para persoas residentes, dende a rúa Progreso ata o cruce coa circunvalación da Semana Verde
O tráfico desviarase pola contorna garantindo o acceso á piscina e aos edificios municipais
O goberno municipal de Silleda informa á veciñanza sobre as restricións no tráfico rodado debido ás obras de mellora na zona deportivo-escolar da capital municipal, no marco do programa PON2030. Estas medidas foron adoptadas para garantir que este tramo estea completamente rematado antes do inicio do curso escolar.
Mañá xoves 22 de agosto, cortarase ao tráfico rodado á Avenida do Recinto Feiral, dende o entronque coa rúa Progreso ata o cruce coa circunvalación da Semana Verde. Só se permitirá o acceso rodado a residentes e ao tránsito peonil ata a entrada da piscina e do pavillón municipal César G. Fares.
O tránsito alternativo para os vehículos realizarase a través da rúa perpendicular na circunvalación do Recinto Feiral Semana Verde, e o acceso desde a rúa Estación ata esta última. Só se permitirá o acceso rodado a persoas residentes, utilizando un dos dous carrís de circulación dispoñibles.
Dende o Concello, informaranse directamente ás persoas residentes na zona nunha reunión prevista para mañá xoves. Agradecemos á veciñanza a súa comprensión polas molestias que poidan causar estas obras.