Reunión coa veciñanza sobre o operativo de tráfico na avenida Recinto Feiral polas obras do programa PON2030

A alcaldesa, Paula Fernández, e a dirección de obra mantiveron un encontro cos residentes deste tramo que estará pechado ao tráfico ata o 10 de setembro

Dende o goberno local transmitiuse que se intensificarán os traballos de cara ao inicio do curso escolar, garantindo os accesos ás vivendas e garaxes

O Concello de Silleda informou á veciñanza sobre as medidas de tráfico na avenida Recinto Feiral. A zona permanecerá pechada ao tránsito ata o 10 de setembro debido ás obras de mellora e rexeneración urbana enmarcadas no programa PON2030. O obxectivo é intensificar os traballos antes do inicio do curso escolar, garantindo o acceso ás vivendas e garaxes da zona.

Na mañá deste xoves 22 de agosto, a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e a tenenta de alcaldesa, Mónica González, mantiveron un encontro cos residentes do tramo afectado. A rexedora, acompañada pola dirección de obra, explicou que o tramo da avenida entre a rúa Progreso e a circunvalación do Recinto Feiral estará pechado ao tráfico xeral, permitindo só o acceso de vehículos de residentes. Tamén garantiu o acceso peonil ás instalacións municipais, como a piscina e o pavillón César G. Fares.

O carril habilitado durante esta fase dos traballos, prevista ata o 10 de setembro (véspera do inicio do curso escolar) será para as persoas residentes entrando dende a rúa Progreso.

Os traballos, que teñen un investimento total de 802.977,48 euros, cofinanciados pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Silleda, inclúen a humanización da zona deportivo-escolar de Silleda. A intervención abarcará a rexeneración urbana do tramo da avenida Recinto Feiral _á beira do que se sitúan o CEIP Plurilingüe de Silleda e o pavillón municipal César G. Fares_, así como das rúas Arturo Pérez Lázara, onde se sitúa o estadio municipal de Outeiriño, e a súa contorna. As obras tamén afectarán á baixada á Escola de Música Municipal.

Entre as melloras previstas destacan a renovación do pavimento, beirarrúas, alumeado e mobiliario público, seguindo a filosofía de mobilidade aplicada na rúa Progreso. Ademais, substituirase a barandilla no tramo lindeiro co parking do recinto feiral Semana Verde e retiraranse os setos que bordean a piscina municipal, que será substituído por un novo peche con plantación de árbores. Tamén se arranxará o tramo da rúa M que conflúe na propia avenida Recinto Feiral.

A rexedora agradeceu a comprensión dos veciños polas molestias que estas obras poidan ocasionar. As persoas que non puideron asistir á xuntanza ou que desexen máis información sobre o proxecto, poden poñerse en contacto co Concello a través da aplicación Liña Verde ou no correo electrónico xestionurbana@silleda.ga