O convenio coa Deputación de Pontevedra xa está asinado, permitindo a creación dunha senda peonil e a instalación de novos servizos na zona a través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destinos para Deza e Tabeirós-Montes
O investimento é superior aos 220.000 euros
A alcaldesa, Paula Fernández, agradece á veciñanza a cesión das franxas de terreo necesarias para realizar a actuación
O Concello de Silleda xa dispón dos terreos precisos para acometer a mellora da mobilidade no barrio da Casela, na localidade da Bandeira. Esta intervención, que se enmarca dentro do Plan de Sustentabilidade Turística en Destinos para Deza e Tabeirós-Montes, está impulsada pola Deputación de Pontevedra.
O convenio entre o Concello e a Deputación, que xa foi asinado, inclúe a redacción do proxecto e a licitación das obras, cun investimento previsto de 223.000 euros. A actuación permitirá a creación dunha senda peonil, a reposición de luminarias, a mellora na recollida de pluviais e a instalación de nova sinalización nun tramo de 150 metros, que abarca dende o km 310,000 da estrada N-525 ata os 0,150 km da estrada provincial EP-6511.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e a concelleira de Cultura e Turismo, Mónica González, reuníronse coa veciñanza do barrio da Casela para agradecer as cesións de terreo realizadas tanto polos residentes como polos propietarios da zona. Esta mellora do tramo, polo que tamén discorre o Camiño de Santiago, incrementará a seguridade nesta área periurbana, beneficiando tanto a peregrinos como a residentes.
O proxecto, financiado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do goberno de España, terá un impacto positivo non só na experiencia dos peregrinos, senón tamén na calidade de vida dos habitantes do barrio, que contarán cun espazo máis humanizado e melloras substanciais no acceso ás súas vivendas.
As obras serán licitadas pola Deputación de Pontevedra unha vez se obteñan as autorizacións sectoriais necesarias.
O Plan de Sustentabilidade Turística
O Plan de Sustentabilidade Turística Deza-Tabeirós/Montes representa un investimento de máis de 600.000 euros de fondos europeos no concello de Silleda.
Este plan inclúe accións específicas como a intervención no barrio da Casela, a museografía dixital en Carboeiro, a adecuación e homologación de itinerarios non motorizados en espazos naturais, como a Ruta da Fervenza do Toxa, e a sinalización intelixente dos recursos turísticos vinculados aos camiños de Santiago. Ademais, contempla a creación de contidos para portais especializados, campañas de gamificación en redes sociais, e accións de comunicación e promoción en mercados emisores clave para atraer turismo e aumentar a pernocta e o gasto na zona.