O domingo será a última xornada de apertura nos recintos de Silleda e da Bandeira, con entrada libre
Nesta semana tamén rematarán os cursos de natación nos que participaron máis de 100 persoas
A tempada de verán nas piscinas municipais de Silleda chega ao seu remate esta fin de semana. Os recintos municipais de Silleda e da Bandeira pecharán as súas portas este domingo 1 de setembro despois de dous meses de actividade. Nesa xornada dominical, a entrada ao recinto será gratuíta.
Agás na primeira quincena de xullo, na que a afluencia foi máis reducida do habitual polo mal tempo, as piscinas acolleron a milleiros de persoas durante a tempada.
Respecto aos accesos bonificados, para persoas empadroadas en Silleda –con descontos tanto a nivel individual como familiar- nesta tempada vendéronse un total de 280 bonos (incluíndo os familiares e individuais) , para utilizar indistintamente nos recintos de Silleda e da Bandeira, aumentando os rexistros de anos anteriores.
En canto aos cursos de natación participaron máis de cen persoas, entre nenos e nenas e persoas adultas, con sesións que están a rematar esta mesma semana.
Os recintos abriron o pasado día 1 de xullo como é habitual nos últimos anos.