A alcaldesa e a concelleira de Benestar Social deron a benvida aos primeiros participantes desta actividade que fomenta o benestar emocional e mental das persoas maiores do municipio
O Concello de Silleda abriu hoxe o seu programa Silleda Activa, unha iniciativa que promove un estilo de vida saudable e activo entre as persoas maiores de 65 anos e pensionistas do municipio. Este luns 2 de setembro, a alcaldesa, Paula Fernández, e a concelleira de Benestar Social, Ángela Troitiño, deron a benvida aos primeiros grupos que participaron nas sesións de Musicoterapia Xerontolóxica, actividade coa que se inaugura o calendario deste programa.
As sesións de Musicoterapia, que están dirixidas a mellorar o benestar emocional e mental dos participantes a través da música, contan con dúas quendas de 20 e 25 persoas, respectivamente.
A Musicoterapia Xerontolóxica forma parte dun conxunto de seis actividades que compoñen o programa Silleda Activa, deseñado para fortalecer tanto o aspecto físico como a estimulación mental dos participantes. As sesións terán lugar os luns e mércores en Silleda, e os martes e xoves na Bandeira, cun custo mensual de 22 euros.
Este programa tamén inclúe outras actividades como ximnasia de mantemento, pilates, ioga en silla e obradoiros de memoria e estimulación cognitiva. Todas elas foron pensadas para adaptarse ás necesidades das persoas maiores do concello e proporcionarlles unha oferta variada e accesible que lles permita mellorar a súa calidade de vida.