O Concello asinou un convenio coa Xunta, en virtude do que o Servizo Agrario Galego fará informes das parcelas sen limpar no perímetro dos núcleos de poboación, tanto rurais como urbanos, para iniciar os procedementos de sanción
O Servizo Agrario Galego (Seaga) vén de iniciar en Silleda os traballos de inspección das faixas secundarias dos núcleos de poboación de Silleda, tanto nas parroquias do rural como nos cascos urbanos.
Este traballo de inspección, no marco do convenio asinado por esta entidade que depende da Administración Autonómica e o Concello de Silleda, ten como finalidade aumentar as condicións de seguridade dos núcleos ante os riscos de incendios forestais.
Serán milleiros as fincas que se inspeccionen (nas franxas situadas no perímetro de 50 metros arredor dos núcleos) para realizar un inventario do estado no que se atopan. A partir de aí, o Concello de Silleda unha vez recibidos os informes iniciará o proceso de notificación ás persoas propietarias que non cumpran ca obriga de manter as parcelas limpas e libres de maleza ou especies pirófitas.
Se despois dos requirimentos non se actúa, será o propio Seaga quen acometa a limpeza e desbroce dos predios de xeito subsidiario, emitindo a factura á persoa ou persoas propietarias.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, lembra que dende o Concello xa se veu informando á veciñanza tanto a través dos bandos colocados durante a primavera, nos que se lembraba a obriga de ter limpas as parcelas das faixas secundarias de protección antes do 31 de maio, como nas reunións mantidas coas parroquias do rural.
“Nas xuntanzas ca veciñanza do rural xa demos conta deste acordo co Seaga, polo cal este servizo se encargará das notificacións unha vez estea en marcha o proceso e tamén de entrar directamente nas fincas que non cumpran a normativa para limpar e repercutir os gastos nas persoas propietarias”, indica Fernández Pena.
Nos requirimentos que se envíen outorgarase un prazo para subsanar a situación dos terreos.
Ata o momento, dende o Concello de Silleda se estaban a emitir requirimentos ás persoas titulares das fincas previa denuncia de particulares e sempre co correspondente informe da Policía Local, outorgando tamén un prazo para a limpeza das mesmas.
“Agardamos que este convenio sirva para poñer fin á situación de risco que padecen moitos núcleos por falta de limpeza de parcelas privadas, xa que o Concello de Silleda non dispón de medios suficientes para proceder á execución subsidiaria”, indica a rexedora.