Comezan en Taboada as obras de mellora viaria do PID 2012, cunha inversión de máis de 95.000 euros

Silleda, 7 de xaneiro de 2014. As obras do proxecto de mellora de vías rurais que foron incluídas polo goberno municipal de Silleda no PID de 2012 comezaron estes días no lugar de Ponte, en Taboada. Trátase da actuación de maior contía (95.256 euros) que se propuxo entón para o citado plan, que aínda foi adxudicado semanas atrás pola Deputación de Pontevedra.

Esta actuación, promovida pola Concellería de Medio Rural e Servizos, que dirixe Klaus Brey, suporá o arranxo e mellora de pistas situadas en distintos núcleos de poboación das localidades da Bandeira, Silleda, Cortegada, Negreiros e Taboada.

En todas elas, ademais de limpar as cunetas e beiravías tamén se realizará unha dotación de rego asfáltico para proceder ás necesarias reparacións, e nalgún caso tamén se dotará de formigón.

A empresa Copuga, adxudicataria dos traballos, iniciou as obras no lugar de A Ponte, en Taboada, onde se arranxa un vial de 170 metros de lonxitude, mellorando os accesos. Neste caso trátase dunha actuación moi agardada polos veciños do lugar, para mellorar este acceso a vivendas que estaba en zahorra, e agora levará triple riego.

Mañá está previsto que comecen tamén os traballos na pista de O Barral, na parroquia de Cortegada, un tramo doutros 110 metros de lonxitude.

No caso da Bandeira, actuarase en dous tramos, o de A Devesa, con  case un kilómetro de lonxitude (ten 850 metros), e no calello de Agro do Balo, esta última con aglomerado en quente. O importe destas actuacións é de 21.466,70 euros.

O vial de Sachocos, na parroquia de Negreiros, é pola súa dimensión, cun total de 2 kilómetros de lonxitude, o que precisa unha maior inversión, sendo o orzamento do proxecto de 27.205,58 euros.

No caso de Silleda, actuarase no vial que transcorre dende a rúa Pintor Colmeiro ata o vial que da acceso ao recinto Semana Verde, cunha inversión de 6.370 euros (tramo de 365 metros).

 

Máis actuacións pendentes

O concelleiro de Medio Rural, Klaus Brey, que hoxe visitou a zona dos traballos en Taboada xunto coa concelleira da zona Pilar Peón, e o director de obra, explica que está previsto rematar todas as melloras nas vindeiras semanas “aínda que dependemos das condicións meteorolóxicas”, engade.

“Con esta actuación continuamos a liña deste goberno de mellorar as vías de comunicación e os servizos para os veciños e veciñas do rural”, sinala Brey, que lembra que moitas destas pistas están deterioradas polo aumento do tráfico pesado, entre outros factores. Así mesmo, destaca a inversión realizada polo goberno municipal na mellora de infraestruturas do rural, “cumprindo os nosos compromisos cos veciños e veciñas”, engade”.

O goberno municipal tamén aposta pola mellora rural con outros dous proxectos con cargo ao PID de 2013 (cun investimento de 98.610 euros, nun total de 5 viais, en Manduas, Escuadro, Ponte e Cortegada).

e ao Programa de Desenvolvemento Rural (PDR), con obras en Escuadro (Outeiro); Abades (Bazar), e Bandeira, por máis de 90.000.

Por outra banda, dende o goberno municipal agárdase que a Diputación de Pontevedra axilice a adxudicación canto antes dos outros proxectos do PID 2012 que aínda están pendentes. Trátase da dotación do ascensor para a Casa da Cultura de Silleda, o aparcamento xunto á igrexa de Fiestras, e a reforma dos parques infantís da Bandeira e o da praza da Igrexa de Silleda. “Nalgúns casos coma os dos parques as obras son tamén apremiantes, debido ao deterioro destas instalacións”, engade.