Silleda, 15 de xaneiro de 2014. O equipo de operarios municipais do departamento de Servizos do Concello de Silleda iniciou hoxe as tarefas de reparación no campo da petanca da Bandeira. Estas instalacións quedaron seriamente danadas polo temporal que azotou a comunidade o pasado 24 de decembro, afectando á carpa que cubre o campo e tamén á estructura que suxeitaba a mesma.
A concellería de Servizos e Deportes, que dirixe Klaus Brey, ten previsto trasladar ata o campo de xogo da petanca as placas da antiga cuberta do pavillón polideportivo da Bandeira que se atopen en bo estado. “Con esto aproveitaremos o material na medida do posible para realizar as necesarias reparacións no terreo de xogo da petanca”, sinala Brey. Os operarios traballarán neste punto, na rúa da Feira nos vindeiros días, sempre que a climatoloxía o permita.
Precisamente nestes días quedaron prácticamente rematadas as tarefas de reposición da cuberta do pavillón polideportivo. A día de hoxe só quedan por rematar uns esquinais para deixar todo o teito renovado. “Agardamos que esta fin de semana xa se poidan realizar actividades no pavillón da Bandeira”, explica o concelleiro de Deportes, “logo desta importantísima actuación que supuxo unha inversión de algo máis de 30.000 euros, con fondos municipais”, engade.
Danos temporal
Por outra banda, a brigada de obras está a traballar estes días en distintos puntos do rural onde se produciron desperfectos nos últimos días por causa do mal tempo. A limpeza de cunetas, retirada de pólas, ou a reposición de mobiliario urbano están a centrar estes días o traballo do equipo municipal.