Silleda recibe axudas con cargo a remanentes da Deputación para o subministro de distintos materiais

As dúas anualidades do Plan de Obras e Servizos-Plan Concellos de 2022 e 2023 suman máis de 22.000 euros

As subvencións destinaranse á adquisición de material de infraestruturas deportivas, sinais de tráfico e equipamento informático, entre outros conceptos

O Concello de Silleda resultou beneficiario das axudas das dúas anualidades de subvención con cargo aos remanentes do  Plan de Obras e Servizos Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra.

Estas dúas subvencións, que suman máis de 22.000 euros, destinaranse á adquisición de distintos equipamentos.

Anualidade 2022

A axuda por un importe de 12.116,66€ foi empregada para a instalación de sinais de tráfico e barreiras de seguridade paras as parroquias de Negreiros e Moalde, mellorando a seguridade viaria en puntos estratéxicos de titularidade municipal. Ademais, realizouse unha reorganización da sinalización nos dous cascos urbanos, con especial atención aos pasos de peóns.

Anualidade 2023

Este ano, a axuda de 10.515,11€ destinarase á adquisición de material informático, incluíndo novos equipos para a Biblioteca Municipal Daniel Castelao. Ademais, investiranse fondos en materiais de obra e en melloras deportivas, como a instalación de novas redes exteriores no campo de fútbol de Mularedos, en Lamela.