Silleda, 1 de febreiro de 2014. O punto limpo de Silleda recibiu ao longo do ano 2013 un total de 963 usuarios que realizaron distintos depósitos.
A cifra está na mesma liña ca de anos anteriores, superando incluso os datos de 2011, cuns 730 usuarios, ano en que as instalacións do punto limpo estaban abertas de luns a sábado (agora só están operativas dous días á semana).
Así mesmo, e tamén seguindo a tónica dos últimos exercicio, os meses de verán son os que rexistran unha maior afluenza tamén durante o ano 2013, xa que moitos veciños aproveitan a época estival e as vacacións para realizar limpezas nos domicilios. En xullo foron 99 os usuarios, en agosto 117 e no mes de setembro 108.
No mes de xaneiro rexistráronse 58 visitas, en febreiro 73, en marzo 74, en abril 75, en maio 88, en outubro o número descendeu ata os 53, en novembro foron 78 e o pasado mes de decembro 59.
En canto ao volume de depósitos, tamén foi nos meses de verán cando se rexistrou un maior número de entregas, sendo a recollida de voluminosos (colchóns, sofás, almofadas), ou outros residuos coma televisores, os máis abondantes
O punto limpo de Silleda, que abriu as súas portas en xullo de 2007, mudou no ano 2012 o seu horario, pasando de abrir de luns a domingos a facelo só os mércores e sábados (de 09.00 a 14.00 horas).
“Demostrouse que a racionalización dos horarios foi acertada, xa que o número de usuarios mesmo aumentou, así coma o de depósitos, o que dá conta tamén de que os nosos veciños e veciñas cada vez están máis concienciados co respeto ao medio”, sinala o concelleiro Luis Rodríguez, responsable municipal de Medio Ambiente.
Chamamento á cidadanía
Aínda así, nos últimos meses véñense rexistrando casos de persoas que deixan os residuos ás portas das instalacións, situadas en Margaride, cos consecuentes trastornos para o personal que atende o centro e producindo unha mala imaxe. “Queremos facer un chamamento á cidadanía para que teñan a ben respetar os horarios e non deixar os residuos ás portas do punto limpo ou arrimados a un contenedor”, apunta Rodríguez, lembrando que se trata dun servizo totalmente gratuito para os particulares.
Dende o departamento lémbrase ademáis á cidadanía a importancia de utilizar este servizo para evitar a formación de vertedoiros incontrolados, como os que se veñen detectando nos últimos meses, e contribuir a un maior respeto e coidado do medio.
Ademais, dende o Concello de Silleda véñense realizando outras recollidas coma a de papel-cartón, nas xornadas dos vernes, para facilitar a reciclaxe no caso de empresas e comercios (tamén gratuito); ou as de plásticos agrícolas no rural, outro servizo sen custes para o usuario, que debe dar aviso no Concello.