Silleda, 4 de febreiro de 2014. Os dous Centros Sociais dos Maiores do municipio contan xa cunha pequena mostra bibliográfica da man da biblioteca itinerante “Pelegríns de Papel”, promovida pola asociación sociocultural Avanza Trasdeza. A concelleira de Participación Cidadá, departamento que se encarga dos Centros Sociais de Silleda e da Bandeira, e tamén presidenta da asociación sociocultural Avanza Trasdeza, Pilar Peón, levou hoxe ás dúas instalacións os lotes de libros para que os usuarios poidan acompañar a súa estancia ou tempo de lecer con libros.
Esta colaboración vén a sumarse a outras donacións de Avanza Trasdeza a través da súa biblioteca itinerante Pelegríns de Papel en centros públicos coma a Casa da Xuventude de Silleda, piscinas municipais ou as campañas de fomento da lectura.
Pelegríns de Papel é un programa elaborado por Avanza Trasdeza, que consiste na instalación de varios puntos de lectura onde se colocan unha serie de libros, dos cales calquera persoa podería coller un exemplar e intercambialo por outro. Pilar Peón destaca a variedade da oferta, con varios puntos instalados en establecementos do municipio, onde figuran libros de variados xéneros e para todas as idades.