Silleda, 8 de febreiro de 2014.. O Centro Social dos Maiores de Silleda acolle o vindeiro luns día 17 unha sesión formativa de grupo, que ten como principal finalidade detectar as necesidades de familias afectadas polo Alzheimer e resolver as súas dúbidas. Esta iniciativa chega da man da Fundación Barrié e a Federación de Asociacións Galegas de Enfermos de Alzhéimer (Fagal), que veñen promovendo dende hai meses o chamado programa Programa Red Paraguas Alzheimer .
O obxectivo fundamental deste proxecto é mellorar a calidade de vida das familias coidadoras de familiares con algunha demencia no rural galego, reforzar a solidaridade interxeneracional, aliviar a presión das familias coidadoras e axudalas directamente a manterse nos programas de estimulación necesarios para evitar o seu illamento e a merma da súa calidade de vida.
“Con iniciativas coma esta trátase de achegarse ás persoas que coidan a familiares con esta doenza, para fomentar a súa capacitación como coidadoras e coidadores, ademais tamén de fomentar o asociacionismo baixo o amparo, experiencia e coordinación de outras asociacións de familiares de enfermos de Alzheimer xa existentes”, sinala a concelleira de Servizos Sociais, Dolores García.
Dende o departamento municipal xa se enviaron cartas ás familias coidadoras para asistir a esta sesión formativa grupal do vindeiro día 17, ás 18.00 horas.
Trátase dunha nova sesión con esta enfermidade como protagonista. Dolores García lembra que Silleda foi declarado municipio solidario co Alzhéimer. “Queremos continuar sensibilizando á poboación sobre un problema que vai máis aló da propia enfermidade, e que marca tamén ás familias e coidadores, engade a concelleira.