A Festa da Empanada recibe o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Nacional no Teatro Real

O Concello de Silleda celebra con orgullo a obtención do distintivo de Festa de Interese Turístico Nacional para a Festa da Empanada de Bandeira

O recoñecemento entregouse este venres 27 de setembro no emblemático Teatro Real de Madrid, no marco do Día Mundial do Turismo

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández,  e  Andrés Seoane, presidente da Asociación de Amigos da Empanada, recolleron hoxe en Madrid o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Nacional para a Festa da Empanada de Bandeira. Este prestixioso galardón recoñece os 50 anos de historia dunha celebración profundamente enraizada na cultura galega, e que xa hai 25 anos foi recoñecida tamén como Festa de Interese Turístico de Galicia.

Durante a cerimonia, a alcaldesa Fernández, en representación de todas as festividades galardoadas, subliñou que «este distintivo recoñece o esforzo e a dedicación de todas as persoas que durante 50 anos traballaron para que a Festa da Empanada de Bandeira sexa un referente gastronómico e cultural en Galicia e agora tamén en España”.

O evento contou coa presenza do Ministro de Turismo, Jordi Hereu, e a Secretaria de Estado de Turismo, Rosario Sánchez Grau, así como alcaldes e representantes de festividades de todo o país. Foi unha oportunidade para reflexionar sobre a importancia de preservar e promover as tradicións culturais de España. A alcaldesa destacou que “estas distincións non só nos permiten potenciar as nosas festas, senón que a súa promoción turística a nivel nacional e internacional xera máis beneficios económicos e sociais para os nosos concellos, especialmente para concellos rurais como Silleda”.

O acto tamén serviu para recoñecer a outras festividades que recibiron o distintivo de Festa de Interese Turístico Nacional, correspondentes aos anos 2023 e 2024, subliñando a diversidade cultural que caracteriza a España. Entre as celebracións galardoadas atópanse:

  • Semana Santa de Córdoba
  • Entroido de Las Palmas de Gran Canaria
  • Semana Santa de Sahagún, León
  • Arde Lucus, Lugo
  • Xornadas Medievais de Ávila
  • Festa da Lamprea de Arbo, Pontevedra
  • As Fallas de Gandía, Valencia
  • Semana Santa de Cieza
  • Filloa de Lestedo, Boqueixón, A Coruña
  • Outono Máxico de Cáceres
  • Os Escobazos, Jarandilla de la Vera, Cáceres
  • Festa de Moros e Cristianos de Ontinyent, Valencia

Para finalizar, Paula Fernández agradeceu ao Ministro de Turismo polo seu compromiso coa cultura e as tradicións locais, afirmando: “Con este distintivo, non só se nos entrega un galardón; invítasenos a seguir construíndo, innovando e mantendo viva a chama da nosa cultura. Este recoñecemento é tamén unha chamada a continuar sendo os mellores embaixadores das nosas tradicións, atraendo a quen busca unha experiencia auténtica e enriquecedora”.

O distintivo outorgado á Festa da Empanada de Bandeira reforza o seu valor cultural e turístico, abrindo novas oportunidades para a súa promoción e consolidando a Silleda como un destino de referencia no ámbito das festas populares.