Silleda, 18 de febreiro de 2014. O Concello de Silleda, a través do departamento de Medio Rural e Servizos que dirixe Klaus Brey, continúa esta semana cos arranxos de viais e infraestructuras danados cos últimos temporais e a gran cantidade de choiva rexistrada nas últimas semanas. Os operarios municipais arranxaron xa viais con moito tráfico nos que era necesario acometer unha reparación urxente. Así, xa se arranxou o socavón da pista que une as parrquias de O Castro e Ponte, vial que discorre paralelo á autopista AP-53.
Logo de abrir a correspondente zanxa a zona foi drenada para evitar novos anegamentos, recheada de pedra e dotada con firme de zahorra. Tamén se abriron cunetas nas inmediacións da pista. O concelleiro de Medio Rural explica que en canto o tempo mellore se procederá a dotar o vial cunha capa de rego asfáltico. Nos vindeiros días tamén se continuará con outras actuacións urxentes en distintas localidades silledenses, mentres dende o departamento de Servizos e Medio Rural se continúa facendo unha relación dos danos en infraestruturas municipais, onde a vaga de temporais ademais da rede viaria tamén danou instalacións deportivas, culturais, e diverso mobiliario. “Agardamos ter esta semana toda a valoración pechada”, indica Klaus Brey.