Silleda, 18 de febreiro de 2014. O recinto da igrexa e cemiterio parroquial de Martixe contará con auga nos vindeiros días grazas aos traballos que realizan de forma conxunta Concello e veciños. A canalización procede dun manantial propiedade dos veciños, e situado preto do templo parroquial.
O Concello, a través dos departamentos de Medio Rural e Servizos e o de Medio Ambiente, que dirixen Klaus Brey e Luis Rodríguez, respectivamente, está a realizar estes días o traballos de canalización das tubaxes, logo que de os veciños se ocuparan de preparar o manantial no seu lugar de nacemento.
“A dotación de auga no cemiterio de Martixe era unha das principais demandas da comunidade de veciños e veciñas da parroquia”, sinala Klaus Brey, que visitou os traballos co concelleiro Luis Rodríguez.
Agárdase que as obras, nas que están a traballar os operarios municipais en colaboración coa veciñanza, queden listas esta mesma semana. Dende o goberno municipal agradécese a colaboración dos veciños de Martixe, no que supón unha nova obra exemplar como as que se veñen facendo nos últimos meses, nos que a acción municipal é posible grazas ao traballo da xente de distintas localidades silledenses, “conscientes de que é necesario aunar esforzos nestes tempos para lograr os obxectivos fixados”, engade Brey.
Nos vindeiros días, tamén dende o departamento de Medio Rural, se acometerán tamén traballos de mellora de distintos accesos nas parroquias.