Bases para a contratación dunha persoa con titulación en Ciencias da Actividade Física e do Deporte

O proceso forma parte do plan Máis Emprega da Deputación de Pontevedra

Ofrécese un contrato formativo, de carácter temporal, cunha duración de 12 meses a xornada completa

A selección das persoas candidatas realizarase mediante un sistema de concurso, baseado na valoración de méritos

 

O Concello de Silleda vén de publicar as bases que regulan o procedemento para a contratación dunha persoa con titulación universitaria en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, no marco do programa Máis Emprega da Deputación de Pontevedra. Esta contratación, de carácter temporal, terá como obxectivo ofrecer experiencia profesional axeitada ao nivel de estudos da persoa seleccionada mediante un contrato formativo.

O contrato terá unha duración de 12 meses a xornada completa, cun salario bruto mensual de 1.981,14 euros, incluíndo a paga extra prorrateada e demais complementos. Así mesmo, está previsto un período de proba dun mes a partir do inicio da actividade.

A selección de candidatas e candidatos realizarase mediante un sistema de concurso baseado na valoración de méritos. As bases completas do proceso selectivo estarán dispoñibles nas oficinas da Casa do Concello e na páxina web oficial do Concello de Silleda, así como na súa sede electrónica, accesible a través de https://silleda.sedelectronica.gal/preview-document.4 , durante o tempo que dure o procedemento.

As persoas interesadas deberán cumprir varios requisitos, entre eles:

  • Posuír un grao universitario en Ciencias da Actividade Física e do Deporte ou unha titulación equivalente recoñecida polas leis vixentes.
  • Estar inscritas como demandantes de emprego ou en mellora de emprego no Servizo Público de Emprego.
  • Estar empadroadas nalgún concello da provincia de Pontevedra antes da publicación da convocatoria no BOPPO.
  • Non ter transcorrido máis de tres anos desde a finalización dos estudos universitarios, ou cinco anos no caso de persoas con discapacidade.
  • Non ter experiencia profesional previa na mesma actividade na entidade por máis de tres meses.
  • Non estar contratadas en prácticas noutros programas formativos da Deputación de Pontevedra no momento da selección.

Presentación de solicitudes

A presentación de solicitudes poderá realizarse no Rexistro Xeral do Concello de Silleda en horario de atención ao público (de 9:00 a 14:00 horas) ou a través do rexistro electrónico dispoñible as 24 horas do día.

O prazo para presentar solicitudes será de 3 días hábiles, a contar dende o día seguinte á citación realizada polo Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).

Toda a información e notificacións relacionadas co proceso selectivo publicaranse no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Silleda.

As bases da convocatoria poden consultarse no documento adxunto.

20241007_BASES_SELECCION_CIENCIAS_ACTIVIDADE_FÍSICA_DEPORTE