Silleda, 25 de febreiro de 2014. O Concello de Silleda, a través do departamento de Medio Rural e Servizos, que dirixe Klaus Brey, iniciou hoxe os traballos de acondicionamento dun vial no lugar de Penido, na parroquia de Siador, que se viu afectado polos últimos temporais.
O vial dá acceso a varias granxas porcinas ás que precisan acceder vehículos pesados. O mal estado do tramo dificultaba o acceso dos vehículos ao lugar, polo que se procederá a realizar os arranxos precisos nos vindeiros días. O personal municipal xa comezou hoxe os traballos na zona.
Por outro lado, o departamento de Medio Rural continúa ultimando o informe sobre danos dos temporais en bens públicos para poder acceder aos correspondentes mecanismos de axuda. “Os desperfectos, sobre todo no que se refire á rede viaria municipal son moi considerables”, indica Brey, que advirte que de continuar chovendo de forma prolongada continuarán agravándose os danos.
O departamento municipal que dirixe está a elaborar un completo informe, documentado fotográficamente, cos danos máis salientables, que ademais da rede viaria en varios puntos do rural, tamén afectaron a infraestruturas deportivas, culturais e outros edificios municipais, caso da biblioteca Daniel Castelao, onde as filtracións de auga obrigaron a repoñer a tarima, ou do Centro Social, onde tamén se rexistraron desperfectos nunha das salas por mor das filtracións na cuberta.