Silleda, 27 de febreiro de 2014. O Concello de Silleda vén de pagar un total de 42.248,61 euros a unha familia á que se lle expropiou unha finca para apertura da rúa Emilio Alonso Paz, no ano 1990. Daquela, os propietarios ao non estar de acordo coa tasación do terreo acudiron ao xustiprezo, resolvendo o Xurado Provincial de Expropiacións no ano 1995 e fixando o prezo equivalente aos 42.242, 61 euros (algo máis de 7 millóns de pesetas de entón).
Tres anos despois, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmou o prezo fixado polo Xurado dictando sentenza xa firme o 29 de setembro de 1998 . “É incrible que tiveran que pasar máis de 20 anos para que se resolva este proceso”, advirte o alcalde, Manuel Cuíña, que enmarca o caso no “triste e longo historial de impagos de corporacións anteriores”.
O pago fíxose o pasado día 25, tras un requerimento do TSXG apercibindo con imposición de multas coercitivas, xa que non só non se pagara o xustriprezo, senon que tampouco o Concello atendeu os requerimentos do Tribunal ao longo dos últimos anos.
Este último escrito xudicial, co que os propietarios instan a execución do fallo, chegou o pasado 13 de febreiro, e concedía un prazo máximo de 10 días hábiles ao Concello para facer efectivo o pago.
“Tristemente temos que asumir unha nova cantidade importante de débedas por unha nefasta xestión”, sinala o alcalde. “Por desgracia seguimos con este rosario de débedas que siguen minando a contabilidade do Concello. E como xa vén sendo habitual agora, en épocas duras a nivel económico, nos volve tocar facer fronte a erros e olvidos que non son de recibo”, engade, lembrando que no que vai de lexislatura se abonaron xa máis de 1,6 millóns de euros por sentenzas e facturas impagadas de gobernos do PP.