Silleda, 28 de febreiro de 2014. O Concello de Silleda vén de asinar un novo convenio de cesión de terreos con particulares. Neste caso trátase dunha céntrica parcela sita na Bandeira, que a familia propietaria cede ao Concello para o seu uso como zona axardiñada pública. O solar, que leva tempo en venda, está situado no número 48 da rúa Xeral e comunica ademais pola parte traseira coa rúa da Feira.
Ademais de acondicionar o solar, procedendo á súa limpeza e dotación como zona axardinada, o Concello tamén plantexa convertilo nunha zona de paso, eliminando para iso os restos da antiga fachada de cemento na parte dianteira.
A cesión terá, coma noutros casos asinados recentemente, unha duración indeterminada, ata que os propietarios do terreo decidan destinalo a outro uso, notificándollo previamente ao Concello de Silleda, que asumirá todos os gastos e traballos para o adecentamento do terreo.
Humanización da vila
A iniciativa neste caso partiu do Concello de Silleda, que á vista da situación da parcela, en desuso, e da necesidade de mellorar o seu acondicionamento, propuxo á familia propietaria (que reside fóra) asinar este convenio. O alcalde, Manuel Cuíña, amosa o agradecemento en nome de todos os veciños e veciñas, pola boa disposición e o xesto da familia propietaria.
Esta actuación tamén contribuirá a seguir apostando pola humanización da vila da Bandeira, onde se realizaron recentemente outros traballos nesta liña. “Cremos que se trata dun acordo que beneficiará á veciñanza e contribuirá a mellorar a imaxe do pobo da Bandeira”, apunta Cuíña.
Este acordo súmase a outro logrado en días pasados cos donos do solar número 21 da rúa María Colmeiro de Silleda, que será acondicionado como aparcamento público.
Dende o goberno municipal agradécese a colaboración destes propietarios/as que están a asinar acordos, e advírtese que se continuará con esta liña de traballo nos dous cascos urbanos.