“Este distintivo é un orgullo para Silleda e reflicte o traballo conxunto da veciñanza e do goberno local por facer do noso municipio un lugar máis sostible e respectuoso co medio ambiente”, subliña a alcaldesa Paula Fernández
Na mañá deste venres 18 de outubro, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Protección da Natureza, tivo lugar en Caión o acto de entrega da Bandeira Verde de Galicia ao Concello de Silleda. O distintivo, concedido pola Xunta de Galicia, recoñece o compromiso do municipio co medio ambiente e a protección da paisaxe. A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presidiu o acto ao que acudiron a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, a tenente de alcaldesa e concelleira de Turismo Mónica González, e o concelleiro de Transición ecolóxica Manuel Requeijo. O alcalde da Laracha, José Manuel López, exerceu de anfitrión.
A rexedora destaca a importancia desta distinción: “A Bandeira Verde é un orgullo para Silleda e reflicte o traballo conxunto da veciñanza e do goberno local por facer do noso municipio un lugar máis sostible e respectuoso co medio ambiente”. “Este recoñecemento abre novas portas para seguir apostando por políticas medioambientais que melloren a nosa contorna e a calidade de vida de todas as persoas do concello. Seguiremos traballando para manter este compromiso e liderar iniciativas que sitúen a Silleda como un referente en sustentabilidade e na preservación do patrimonio natural de Galicia”, engade Paula Fernández.
Entre as accións levadas a cabo polo goberno municipal que permitiron acadar este recoñecemento destacan o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), o Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES), e o proxecto Rede de Calor District Heating, que se converteron en exemplos de referencia para outros gobernos locais a nivel estatal.
O distintivo da Bandeira Verde facilitará a Silleda obter maiores puntuacións en subvencións autonómicas relacionadas coa xestión de residuos e o patrimonio natural, permitindo que o municipio consolide o seu compromiso coa Axenda 2030.
Silleda é o único concello da provincia de Pontevedra en incorporarse neste ano 2024 á lista de 24 concellos de toda Galicia en contar con este distintivo que renovan tamén Sanxenxo e A Illa de Arousa.